O CSIC conclúe un estudo innovador sobre a distribución das larvas de polbo na ría de Vigo

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas conseguiu importantes achados tras catro anos de investigación para determinar o impacto da oceanografía sobre a distribución e ecoloxía das larvas de polbo común.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/05/2016 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) concluíu, con importantes achados, o estudo desenvolvido durante os catro últimos anos na ría de Vigo para determinar o impacto da oceanografía sobre a distribución e ecoloxía das larvas de polbo común (Octopus vulgaris). Ademais, puxéronse a punto novos métodos cos que se alcanzaron interesantes resultados relacionados coa dieta e a idade desta especie. O estudo realizouse no marco do proxecto LARECO, liderado polo grupo de investigación ECOBIOMAR, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC, Vigo).  Contou coa colaboración dos grupos de investigación de Oceanoloxía tamén do IIM, e das universidades de Aberdeen (Reino Unido) e Lisboa (Portugal).

Paralarvas de cefalópodos utilizado polos investigadores do CSIC
Paralarvas de cefalópodos utilizado polos investigadores do CSIC | Fonte: Proxecto Lareco.

"No noso grupo levamos case vinte anos desenvolvendo traballos de investigación sobre as larvas plantónicas de cefalópodos nas rías galegas, onde se produce un afloramento estacional e onde a especie soporta a pesqueira artesanal máis importante de Europa. Por iso, consideramos fundamental abordar, a través dun proxecto multidisciplinar, a influencia que teñen os parámetros atmosféricos e oceánicos da ría de Vigo na abundancia, distribución e ecoloxía trófica destas larvas de polbo, ademais de avanzar nos métodos para estimar a idade e identificar a dieta da especie nos seus primeiros estadios de vida", explica Anxo F. González González, investigador principal do proxecto e xefe do grupo ECOBIOMAR.

Os científicos desenvolveron a investigación na contorna do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

O traballo de campo do proxecto desenvolveuse ao redor do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, área idónea, tal e como se revelou en estudos científicos, para a alevinaxe, agrupación e desenvolvemento das larvas de polbo. A toma de mostras fíxose mediante 30 campañas nocturnas de 12 horas e catro de 24 horas a bordo do buque oceanográfico Mytilus (CSIC) e tamén se analizaron datos atmosféricos e oceanográficos obtidos en aboias e estacións situadas polos científicos na área, informa CSIC Galicia.

En canto á distribución e ecoloxía das larvas de polbo común, os científicos observaron que "non son partículas inertes que se distribúen aleatoriamente en masas de auga particulares, senón que habitan en áreas que aumentan a súa supervivencia porque alí atopan as condicións abióticas e ás presas adecuadas para o seu crecemento óptimo".

Mostraxe de zooplancton na contorna das illas Cíes
Mostraxe de zooplancton na contorna das illas Cíes | Fonte: Proxecto Lareco.

Neste estudo, ademais, innovouse nas metodoloxías e técnicas de investigación das larvas de polbo. A identificación da dieta das larvas abordouse con novos métodos de bioloxía molecular e xenómica. Observouse que se compón, fundamentalmente, de varias familias de crustáceos, sobre todo decápodos, así como de varias familias de peces e outros organismos que habitan a fracción planctónica das augas do Atlántico nordés.

"Esta información ten unha notable importancia para o desenvolvemento do cultivo integral da especie, posto que na actualidade o seu pescozo de botella está en fornecer aos recentemente eclosionados o alimento apropiado, o cal se descoñecía na natureza a escala mundial", destaca Anxo F. González González.

En canto á idade da especie, desenvolveuse por primeira vez a técnica para estimala a partir dos aneis de crecemento no estilete nos primeiros estadíos do ciclo vital de polbo.

"A estes resultados únense novos achados no ámbito da parasitoloxía do zooplancton, xa que profundan na entrada dos parasitos, algúns deles que afectan ao ser humano, nas redes tróficas mariñas, así como no de ecoloxía zooplanctónica en zonas do Atlántico noroeste influídas por episodios de afloramentos. Estas liñas de investigación son moi novas e terán un amplo percorrido no futuro", avanza González.

Ovos con larvas de polbo
Ovos con larvas de polbo | Fonte: Manuel E. Garci.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta