Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/05/2016 | Actualizada ás 10:00
Tres vertedoiros de pneumáticos "históricos" en Galicia (Fene, As Somozas e A Laracha) agardan por un tratamento que, de súpeto, virou prioritario para a Xunta. “O efecto Seseña revelou o esquecemento dun problema que non interesou até que comezou a fumegar”, denuncia Adega.
De feito, esta asociación ecoloxista denuncia que a xestión dos pneumáticos usados en Galicia é moi deficiente. Critica que apenas existen instalacións adicadas á reutilización e á reciclaxe destes residuos, e a solución máis doada é amorealos en "depósitos" máis ou menos controlados en espera de "tratamento".
Neste sentido, lembra que o vertedoiro de Fene, que acumula unhas 1000 toneladas, tiña como destino o recauchutado na empresa "Rubber Industrias del Caucho" que crebou no ano 2000. Nas Somozas, nas instalacións de SOGARISA, amoréanse por riba das 100 tn cuxo destino é a fabricación de CDR (combustíbel derivado dos residuos) para queimar como coadxuvante en cementeiras e outras fatorías de cerámica e siderurxia. E as preto de 34.000 tn do vertedoiro d'A Laracha, un terzo do acumulado en Seseña, semella que van ser "valorizadas enerxéticamente" por unha empresa de cerámica.
“Como recén acabamos de comprobar, e alén do seu esquecemento secular (o problema que non se ve, non existe), o tratamento destes residuos cando por fin acontece, pasa case sempre pola incineración (un 45%), eufemísticamente chamada valorización enerxética en cementeiras ou cerámicas”, asegura. Tamén polo "depósito" máis ou menos legal (outro 45%) e a reutilización e reciclaxe (menos do 10%, unha roda de cada 10).
Con todo, para Adega o problema é que a incineración, ao igual que o incendio do vertedoiro de Seseña, transforma un valioso residuo aproveitábel (goma vulcanizada e metal) ademáis de en enerxía -barata para quen a aproveita-, en compostos altamente tóxicos como de dioxinas, furanos, PCBs, HAPs e metais pesados, alén de partículas, CO2 e gases de xofre e nitróxeno. Son precisamente estes compostos máis tóxicos os que poucas veces se miden nas estacións de control da contaminación atmosférica.
Por iso, esta organización insta ás administracións a abordar esta problemática con prevención e redución, reutilización e reciclaxe e, en ningún caso, contemplar a incineración como alternativa.
Cerna
Por outra banda, os recentes acontecementos de Seseña traen a colación unha demanda realizada pola deputada de Cerna, Mónica Fernández, sobre o depósito de pneumáticos de Ruber en Fene e sobre o tratamento dos mesmos.
A deputada salienta o estado lamentable no que se atopa este vertedoiro dende que pechou a empresa Ruber en Fene á beira da estrada N-650 ao seu paso polo Concelllo de Fene e moi próxima a núcleos urbanos moi importantes.
“Xa houbo pequenos roubos de material e pequenos incendios que se deben ao abandono do control do vertedoiro, a non estar amoreado fragmentado en pillas como establece a normativa vixente ao que se suma que foi pouco a pouco converténdose en vertedoiro ilegal doutros residuos”, denuncia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.