Por Galicia Confidencial | Allariz | 23/05/2016 | Actualizada ás 11:00
A Asociación Animalista Libera insiste en que se debata sobre a conveniencia ou non de prohibir as corridas de bois, sobre todo, a de Allariz. Por iso, lamenta a falta de debate entre a corporación de Allariz e os colectivos que defenden aos animais en relación á posibilidade de reorientar as carreiras con bois ensogados que comezaron este sábado, e fronte as cales xa se reuniron máis de 26.000 sinaturas a través do portal Change.org.
Os animalistas subliñan que as diferentes ideas para suprimir o uso dos bóvidos e sustituir esta programación por festivais musicais e culturais foron ignoradas polo consistorio. "Pero non así por unha crecente parte das alaricanas e alaricanos que pensan que é momento de reflexionar sobre unha festividade reinstaurada en 1983", din.
Neste senso o colectivo lembra que o propio lobby taurino defende o uso de bóvidos con cordas en Allariz ao igual que outros eventos tauromáquicos ao longo da xeografía española, e critica a "pinza" que o BNG, que goberna esta localidade, fai co Partido Popular, "baluarte político da tauromaquia no propio territorio galego", indica. "Non se esquecen do apoio que o Concello de Muíños e a Deputación de Ourense prestaron nos últimos anos á realización dunha tourada nesta vila da provincia", denuncia.
Para Libera, o argumentario en defensa da 'Festa do Boi' amosa a "completa ignorancia sobre a etoloxía dos animais forzados nesta actividade". Así, di que a xustificación da "Tradición" só reflicte a reiteración dun acto ao longo do tempo, pero non permite amosar que tal actividade "é ou non válida para o tempo social e moral, onde a meirande parte da cidadanía reclama mellores índices de protección e benestar para os animais".
Así, os defensores dos animais continuarán coa súa campaña autonómica para reconstruir unha 'Festa do Boi' sen que se teñan que empregar estes seres vivos con sogas, e apostando por novas actividades e accións turísticas baseadas no respeto mutuo e na ética, fronte ao mantemento "por que sí" dunha actividade taurina.
Nun comunicado, a entidade animalista cree que, diante da falta de diálogo do Concello de Allariz, a fin das carreiras de bois virán con seguridade, a través dun veto no Parlamento galego, ao igual que sucedeu coas chamadas "chegas de bois" celebradas ata 2008.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.