Touriño: “Vai facer falta moita vontade de acordo tras as eleccións”

O ex-presidente da Xunta participou nas Conversas na UVigo, un foro no que confesou o seu “entusiasmo pola política en positivo” e no que recoñeceu erros na campaña do PSdeG de 2009.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 01/06/2016 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

“A política formou parte da miña vida desde sempre”, pero é unha  “etapa clausurada”. Así se manifestou o ex-presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, protagonista este martes dunha nova sesión de Conversas na UVigo, un ciclo de coloquios con diferentes persoeiros promovido pola Vicerreitoría do campus e o Diario de Pontevedra, no que ex-secretario xeral do PSdeG lembrou algúns momentos do seu período á fronte do Goberno galego, informa Eduardo Muñiz no DUVI.

Emilio Pérez Touriño, ex-presidente da Xunta, nas Conversas da UVigo
Emilio Pérez Touriño, ex-presidente da Xunta, nas Conversas da UVigo | Fonte: DUVI.

Nunha conversa co xornalista Serafín Alonso, Pérez Touriño defendeu que sempre lle “entusiasmou a política en positivo”, distanciada das críticas ao adversario electoral, ao tempo que recoñeceu como un erro a “campaña moi Obama” que o seu partido realizou para as eleccións autonómicas do 2009, cando aspiraba a reelección.

Sobre o proceso de primarias no PSdeG  Touriño salientou a capacidade e traxectoria persoal do novo líder dos socialistas galegas, Xaquín Fernández Leiceaga, antes de incidir en que unhas primarias “en círculos relativamente pechados poden reflectir o peso de forzas orgánicas e non a valía dun ou outro candidato”. Touriño abordou así mesmo os próximos comicios do 26 de xuño, tralos que augurou que “vai facer falta moita vontade de acordo”, ao tempo que botou a vista cara atrás, cara o goberno de coalición PSdeG-BNG que presidiu entre 2005 e 2009. 

Dirixidas a achegar unha visión máis persoal de diferentes convidados e convidadas, as Conversas na UVigo recibiron a este economista xusto cando se cumprían dez anos da que fora a súa primeira visita a Pontevedra como presidente. “Hai cousas que melloraron e moitas que empeoraron”, salientou Touriño, que lembrou que pouco despois chegaría “unha crise que cambia todo no terreo económico e social e que tamén provoca cambios profundos no terreo político”.

De feito, o sistema de partidos, “a escena institucional” caracterizada pola “fragmentación e a aparición de novas forzas” é para Pérez Touriño o que máis ten mudado neste período. Pero tamén “hai elementos de continuidade”, engadiu o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que aludiu a algúns dos “retos e problemas estruturais” que segue mantendo Galicia, como a “decadencia demográfica”, o mantemento dos servizos públicos, a reindustralización do país ou o futuro do agro.

Tampouco faltaron na conversa aspectos que xa formaban parte da actualidade local hai dez anos, como o proxecto de ampliación do hospital de Montecelo ou as xestións realizadas polo seu executivo para que Ence se instalase ao municipio coruñés de As Pontes, "unha operación difícil e complexa que non saíu ben”.

O BIPARTITO

Sobre a etapa do bipartito entre PSdeG e BNG na Xunta, Touriño lembrou que “houbo dúas etapas diferenciadas, antes e despois do verán de 2008”. O ex-presidente vinculou este cambio co anuncio, que desmentiu, de que ía adiantar as eleccións. Previamente, asegurou, a coalición viña traballando con normalidade, “con máis elementos positivos que negativos”, mais posteriormente pasouse a “unha competición electoral, na que a disputa partidaria trasládase ao goberno”.

Meses despois, chegaron as eleccións nas que Alberto Nuñez Feijóo foi elixido presidente da Xunta por primeira vez e ás que o PSdeG concorreu cunha campaña inspirada na realizada por Barack Obama, “moi positiva, moi de futuro”, que recoñeceu “equivocada” nunha contenda electoral “moi dura”, e na que, admitiu, “faltáronnos reflexos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta