Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/06/2016 | Actualizada ás 14:49
Non hai crise na sanidade pública. Está mellor que nunca. Esa, máis ou menos, foi a mensaxe que quixo trasladar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a ondada de críticas que provocou en sindicatos, partidos políticos, asociacións sanitarias e concellos a decisión do Sergas de reducir máis de 700 camas durante o verán.
“Quero dicirlles aos galegos que van ter todas as camas que precisen e que vaian aos hospitais públicos sen problemas”, dixo Núñez Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta tras ser preguntado por GC sobre as críticas e protestas que causou esta medida. Así, insistiu en que o “100% das camas están a disposición dos pacientes, verán incluído”.
O presidente galego dixo que esta previsión ten que ver co procedemento lóxico das xerencias dos hospitais públicos. “Os xerentes teñen que facer unha previsión en función da demanda descendente que hai no verán”, insistiu sobre a decisión de pechar camas. “As camas non se levan a ningún sitio, o que se fai é unha previsión de utilización de recursos”, ironizou.
Así, criticou a sindicatos e partidos políticos polos seus “comentarios reiterados” sobre o peche de camas no verán e suliñou que xa o pasado ano, había unha previsión de ocupación de camas do 85% e, ao final, só se utilizaron o 75%. “Así que non houbo ningún problema”, matizou.
Sobre este ano, Feijóo recalcou que haberá máis camas dispoñibles que o pasado verán, un 87%. Un 2% máis que o ano pasado que xustificou polo incremento da actividade en consulta, probas diagnósticas e probas cirúrxicas. De feito, dixo que, grazas ao diñeiro adicional do superávit, este ano haberá máis operacións. “E o que ocupa camas, principalmente, son as actividades cirúrxicas”, concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.