Por X.A. Pérez-Lema | A coruña | 05/06/2016
Esta caste de prestacións son esenciais nunha época de crecente exclusión social, coma nesta que vivimos. Na nosa Galicia, a porcentaxe de poboación en risco de exclusión medrou do 16 ao 20%, mentres que tres millóns de cidadáns españois ficaron fóra da da clase media dende que comezou a Grande Depresión. Estas Rendas garanten unha existencia digna, concibida como dereito da persoa e resolven, dende logo, moitas cuestións que ameazan a inclusión social. Dende a pobreza enerxética, até a presión de determinados empregadores que poden usar a actual falla de cobertura social como medio coercitivo para obter traballadores que perceben o salario mínimo por dez ou once horas de traballo.
Adoita obxectarse a esta caste de prestacións un suposto efecto desincentivador sobre a busca de emprego, É dicir, habería supostamente persoas que eludirían traballar para cobrar, no seu canto, esta caste de prestacións. Cómpre desbotar este argumento de patacón. Ninguén con sentido común deixa de traballar para cobrar unha paga de pouco máis de 500 €.
Canto ao impacto na economía global, compre dicir que esta caste de rendas suple a falla dun nível mínimo de ingresos, polo que simplemente complementará, no peor dos casos, as pensións contributivas e non contributivas, subsidios por desemprego ou RISGA. E suporá unha dinamización canto aos consumos de prImeira necesidade, cun importante impacto na facturación das pemes locais
En último de contas, a Renda Social de Integración é unha solución acaída e precisa, mais certamente non abonda, para resolver os complexos problenmas de inclusión e cohesión social que os gobernantes austericidas contribuiron xerar neste tempo de recesión. E quitará moitas persoas do burato de miseria no que viven.