Por Galicia Confidencial | Santiago | 08/06/2016 | Actualizada ás 14:00
A influencia do que din que é o home máis poderoso do mundo tamén chega ao mercado dos viños. Dende que Barack Obama, presidente dos Estados Unidos, vén brindando con viños galegos da Ribeira Sacra na tradicional Gala da Hispanidade en Washington DC, a fama e o valor dos caldos galegos desta rexión creceron á par que as existencias se van esgotando no mercado.
Isto é o que está acontecendo co Peza do Rei, un mencía da Ribeira Sacra cuxas vendas se dispararon polo influxo que exerce a figura de Obama, o perfecto anunciante para globalizar un produto, cun incrible golpe de relacións públicas, tres anos consecutivos brindando con este caldo fronte aos focos dos medios de comunicación.
A imaxe de Barack Obama brindando cun Peza do Rei Ribeira Sacra, o pasado 13 de outubro, causou tal impacto entre os vendedores e consumidores de caldos, que a súa venda frenética fixo esgotar as existencias de botellas desta marca galega. Agora, e segundo medios internacionais, é moi difícil atopar unha botella nos mercados clásicos. Coñecido xa como "o viño de Obama", o Peza do Rei e a fama crecente dos Ribeira Sacra chamaron a atención de novos investidores sobre as bodegas desta zona montañosa de Galicia.
Calcúlase que en Estados Unidos acaban arredor de 104.700 litros dos 1.927.000 que se exportan dende Ribeira Sacra a todo o mundo. Unha cantidade que os expertos xa recoñecen insuficiente, ante a crecente demanda. Agora, atopar unha botella de "viño de Obama" non é cousa doada estes días nos mercados. Os amantes do viño están esgotando a produción do Peza do Rei, da Adega Cachín. Porén, si se pode conseguir aínda algunha botella solta nalgún portal en liña, como sinala o medio especializado Food & Wine, mais non na propia páxina web dos produtores, na que dende hai varios meses colgaron o cartel de esgotado.
Paradoxalmente, "o desexo en Estados Unidos polo viño da Ribeira Sacra contrasta coa indiferencia coa que este produto é recibido en España, o seu país de orixe", escribe Itxu Díaz en The Daily Beast. Como paradoxal é que países como Reino Unido, Suecia, Noruega ou Emiratos Árabes se atopen entre os que máis demandan este viño, mentres que do veciño Portugal "non se solicita unha soa botella". Todo o contrario que na Casa Branca, en Washington DC, onde o Peza do Rei foi introducido polo chef asturiano José Andrés Puerta e alí atopou a súa maior plataforma publicitaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.