Descuberto un almacenamento ilegal de residuos perigosos en Gondomar

Un total de 78 camións transportaron 468 metros cúbicos de asfalto que foran extraidos nunhas obras da rede de abastecemento de augas e que se mesturaron con residuos da construción.

Por Galicia Confidencial | Gondomar | 18/06/2016 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

A Garda Civil descubriu un almacenamento, supostamente ilegal, de residuos perigosos no municipio de Gondomar. Un feito polo que investiga xa a tres persoas que están acusadas dun delito contra o medio e os recursos naturais.

Almacenamento de resíduos perigosos en Gondomar como vertedeiro ilegal
Almacenamento de resíduos perigosos en Gondomar como vertedeiro ilegal | Fonte: Garda Civil

A investigación iniciouse a finais do ano pasado por parte do Equipo do Seprona de Vigo, ante as sospeitas de que se estaban a utilizar residuos de construción e demolición mesturados con asfalto no recheo da obra dun cemiterio no municipio de Tomiño.

As pescudas do Seprona determinaron que estes residuos procedían das obras dunha rede de abastecemento que auga que se estaban a realizar na mesma bisbarra.

Seguindo a mesma liña de investigación, localizouse en dous terreos contiguos, no municipio de Gondomar, un importante almacenamento de máis de 10.000 metros cúbicos de residuos de construción e demolición mesturados, á súa vez, co mesmo asfalto que se atopara nas obras do cemiterio, carecendo os seus propietarios da preceptiva autorización que os habilite para a xestión de residuos industriais.

O Seprona puido constatar que ata este almacenamento chegaran, polo menos, 78 camións que transportaban 468 metros cúbicos de asfalto que foran extraidos nas referidas obras da rede de abastecemento de augas.

Delito

O Seprona procedeu á investigación dos dous administradores mancomunados da empresa que xestiona o almacenamento de residuos detectado en Gondomar, aos que se lles acusa dun suposto delito contra o medio e os recursos naturais.

A estas dúas persoas, cun amplo historial de denuncias por infraccións relacionadas coa normativa que regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición, se lles acusa tamén doutro delito de falsidade documental por expedir certificacións como xestor de residuos, sen estar habilitado para iso.

Así mesmo, tamén se procedeu á investigación do xerente da empresa encargada das obras de abastecemento de augas, como suposto autor doutro delito contra o medio e os recursos naturais, polas irregularidades detectadas no plan de xestión de residuos e ante a evidencia de que entregou os restos do asfalto xerados na obra como un simple residuo de construción e demolición, descoñecendo a composición deste, necesaria e preceptiva para a correcta xestión do residuo. As dilixencias instruídas polo Seprona foron entregadas na Fiscalía de Medio Ambiente de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta