Por E.P. | Santiago | 01/07/2016 | Actualizada ás 16:00
A multinacional tecnolóxica Hewlett Packard Enterprise abrirá un centro de investigación e asesoramento na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, no que ofrecerá servizos de orientación a empresas e universitarios no campo das novas tecnoloxías e o tratamento masivo de datos.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asistiu este venres á firma do acordo polo que a empresa estadounidense, a través da súa filial en España e Portugal, poñerá en marcha unha oficina de asesoramento na área da análise de datos no Gaiás.
No Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) traballarán 50 expertos que orientarán a estudantes e negocios no ámbito da análise de datos a través das novas tendencias coñecidas como Big Data e Business Intelligence.
O presidente de Hewlett Packard Enterprise en España e Portugal, José María da Torre, resaltou a importancia destas ferramentas tecnolóxicas que forman parte da "economía das ideas" e alertou que as empresas tradicionais deben "adaptarse" ás novas tendencias ou correrán "o risco de desaparecer".
Ademais, destacou o "gran valor" da colaboración que o centro manterá coa Universidade de Santiago de Compostela en materia de asesoramento a titulados e que servirá para "xerar talento".
"CORAZÓN TECNOLÓXICO DE GALICIA"
Pola súa banda, o presidente galego sinalou que o "presente e o futuro de Galicia son dixitais", polo que a "formación de profesionais" no sector tecnolóxico son "clave en crecemento e innovación".
Feijóo cualificou á Cidade da Cultura como "o corazón tecnolóxico de Galicia", aínda que precisou que esta función "non estaba prevista", á vez que avanzou que "outra multinacional" abrirá un novo centro no Gaiás.
Doutra banda, convidou a aproveitar as "incalculables potencialidades" que posúe o ámbito do tratamento masivo de datos que, segundo o presidente da Xunta, é un "nicho de mercado" que no ano 2020 contará con preto dun millón de vacantes por falta de formación na Unión Europea.
ECONOMÍA DOS DATOS
O director de Big Data e Analytics de HPE en España e Portugal, o galego Antonio Torrado, resaltou a importancia da "economía dos datos" xa que "por primeira vez" é posible o tratamento da totalidade da información dispoñible.
Torrado indicou que "nos últimos dous anos se xerou o 90 por cento da información dispoñible hoxe en día", polo que cobra unha maior importancia o uso do 'Big Data' para sacar proveito a unha información "extrema e complexa".
Neste sentido, apuntou que o "24 por cento da información ten valor potencial para a toma de decisións" en empresas e negocios, mentres que hoxe en día só se aproveita un "un por cento" destes datos.
Por último, o directivo de HPE advertiu do "crecemento extremo" das empresas do sector das tecnoloxías da información e a comunicación que xeraron "27.000 millóns de dólares" o pasado ano e que aspiran a xerar "57.000 millóns no ano 2020".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.