Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 03/07/2016
Galicia non é nin a primeira nin será a derradeira vez que sofre ese dilema de contribuir a unha remuda estatal en sentido democrático e progresista. Mais o tempo político para esta contribución xa pasou. É impensábel unha fonda remuda en sentido progresista e plurinacional da Constitución e mesmo das axendas da gobernanza e lexislativa impostas polo bipartidismo dinástico nos últimos trinta e cinco anos.
Mais sí é posíbel (complexa pero factíbel) unha fonda remuda lexislativa e da gobernanza na Galicia, que pode adherir a outras nacionalidades e territorios (Catalunya, Euskadi, Nafarroa, Illes Balears, País Valencià) gobernados por coalicións de cambio, quer soberanistas, quer de coalición entre soberanistas e progresistas españois. A recente escolla de Xaquín F. Leiceaga como candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG fai albiscar unha posíbel unha liña socialista en clave galega, fronte á casposidade españoleira do PSOE andaluz de Susana Díaz ou do PSOE extremeño de Guillermo F. Vara. A meirande parte dos activistas e simpatizantes de En Marea, por outra banda, semellan asumir que Galicia é distinta, conta con intereses de seu moi marcados e ha construir o seu espazo propio. Nomeadamente os dos ámbitos dos distintos municipalismos.
Cómpre, pois, traballar con xenerosidade e intelixencia para artellar unha fórmula de unidade nacional que sexa quen de integrar os distintos galeguismos e municipalismos, ao tempo que siga tendendo a mán ás organizacións e persoas non galeguistas que acrediten que Galicia é un país de seu con personalidade e intereses moi diferentes e, xa que logo, que precisa solucións políticas propias e independentes.
Dirán vostedes, pero isto todo non se falou xa o verán pasado e non saiu ben? Certo, mais a dinámica política, nomeadamente os erros de En Marea e o BNG, levounos a unha situación bastante semellante.
Se non vai desta é posíbel que non chegue a tempo.