Por Xurxo Salgado | Manzaneda | 06/07/2016 | Actualizada ás 08:00
Como ves a situación de En Marea?
A ver, tendo en conta que os procesos de confluencia son os válidos para derrocar ao goberno do PP e, sobre todo, o de Feijóo, é certo que houbo eivas, como o do grupo parlamentar, que non funcionou, e como En Marea mudou de posición en catro meses sobre esta cuestión. Tamén non abrir En Marea á cidadanía, que tanto se nos encheu a boca, e iso non existe. O veto á figura de Beiras tamén influíu... Pero, aínda así sigo opinando que a confluencia das forzas de esquerda sempre é boa, sempre que acepten a autodeterminación e a emancipación dos pobos. Iso é innegociable e, polo resto, hai que seguir pelexando.
Pero existe división con todos estes problemas, semella...
Si, porque se ven distintas formas de actuar. Houbo tiranteces. Por iso, hai que seguir pelexando para corrixir estes erros e para mudar o proceso. Pero, sempre con forzas de esquerda que recoñezan uns mínimos, como o da autodeterminación.
E onde está o problema, logo?
Pois en non abrir os procesos as comarcas e que a xente do común non poida opinar sobre estes procesos que veñen xa dados dos aparatos. E iso hai que corrixilo xa. En En Marea non sobra ninguén, senón que faltan máis compañeiros, o propio BNG, e xente que estivo no BNG e é importante estar todos xuntos para ter ese suxeito político que decida por nós mesmos.
Precisamente iso é o que pide o Foro Galego. Non cres que podía ser un suxeito político nestes comicios?
Eu participei na primeira xuntanza e paréceme unha ferramenta útil. Pero estamos a unha semana de que se convoquen eleccións e aglutinar só o nacionalismo nese foro é complicado. Pero é unha ferramenta útil na que debemos estar e participar. Eu estiven na primeira xuntanza e foi moi interesante; falouse do país e de propostas concretas. Pero coa premura que hai non sei se daremos aglutinado a todo o nacionalismo para o proceso.
Lidia Senra criticaba que non se falara practicamente nada de Galicia na campaña. Que opinas?
Eu comparto 100% as declaracións que fixo Lidia Senra. O que son as propostas de país non podemos cometer os mesmos erros que o 26X e esas propostas teñen que estar claras. Facer un diagnóstico de país e que se dean resolucións aos problemas que temos en Galicia. E aí hai moitos puntos a tratar; desemprego, cultura, identidade, sanidade, educación, despoboamento ou falta de apoio aos sectores primarios, entre outros moitos.
Pensas que este proceso pode afectar internamente a Anova?
Internamente non podo participar en todas as asembleas polo punto xeográfico onde me atopo. Pero penso que teremos que ter unha conferencia antes das eleccións de outubro e deixar clara a nosa posición para non repetir erros pero non existe división interna.
Ti tamén es partidario dun candidato avalado polas bases?
Eu penso que todo aquel que se candidate ten que ir a unhas primarias. Senón, non ten sentido poñer un candidato.
E cres que ese candidato pode ser Beiras, que está moi discutido ultimamente?
Eu, pola miña parte, asi o desexaría. Que fora Xosé Manuel Beiras pola entrega que ten feito ao pobo galego durante tantos anos. Eu estaría encantado de estar ao seu carón se é candidato. Penso que é unha persoa que hai que preguntarlle a el pero é o candidato ideal. E despois que sexa un proceso de primarias que o acepte porque non hai que impoñer.
E o tema da idade e da saúde, non cres que inflúe?
É dos máis lúcido que vin na miña vida e se el ten forzas para seguir eu non vexo ningún problema para que así sexa.
Por que hai quen quere xa descartar a Xosé Manuel?
Terás que preguntarlle a quen o quere descartar. Eu non entendo esa postura moi ben.
Pero, con todo, o tema dos candidatos está xerando novos problemas...
Espero que non e se se fai en primarias pois non ten porque haber problemas.
E sobre iso non hai acordo?
Non estou en ningunha coordinadora e permanente, pero é o que eu penso.
Como ves as autonómicas?
Está claro que o PP nos últimos anos destruíu emprego, servizos sociais, postos de traballo e foi un ataque directo aos dereitos da sociedade galega e a xente tense que dar de conta disto. Tamén nós temos a responsabilidade de facer unha alternativa real e crible para traballar a prol do pobo galego para manter os servizos sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.