Por Xoan Hermida | Pontevedra | 12/07/2016
Galicia, o noso país, estámolo perdendo, escapa das mans, sen que os nosos gobernantes atendan a chamada dun ecosistema que se esboroa, dunha mocidade que ten que saír do país para traballar en condicións de dignidade mínima ou duns sectores produtivos estratéxicos que van esmorecendo.
Pero xunto con esa dura realidade, asistimos tamén, a un momento no que conflúen enerxías positivas, se concitan ilusións renovadas, e se xuntan vontades para ter un país mellor.
0 15M [de 2011] propúxonos un empoderamento masivo, unha repolitización da vida. Nunca poderemos agradecerlle ao 15M todo o feito por nós, cambiou a idea colectiva que tiñamos de nós mesmos e fíxonos mellores a todas e a todos: a moitos incorporándoos ao movemento de cambio pola xustiza global, a outros recordándonos os motivos polos que nos tiñamos incorporado hai anos, e a uns cuantos lembrándolles que a indiferenza non nos fai neutrais senón que nos converte nuns cínicos.
Despois veu o 24M [de 2015] e con el a confirmación de que é posible gañar, de que non todo esta escrito, de que os poderosos non son tan poderosos como pensabamos, e de que os “cenizos” tamén se poden equivocar.
Ese dobre espírito de dignidade humana das persoas que sofren e continúan a sobrevivir e da decencia moral dos que non se resignan a ser marionetas dunha obra escrita por outros, é o que nos xuntou nas prazas, nos guiou nas mareas e nos convoca para os novos pasos colectivos e individuais.
A anterior transición comezou simbolicamente coas primeiras protestas nos inicios do sesenta e pechouse coa vitoria socialista no 82. Dúas décadas. O actual proceso de cambio iniciouse coas primeiras protestas contra a guerra e tivo o punto de partida simbólico no 15M, escasamente unha década. Os procesos de cambio estrutural formatéanse como complexos e de longo alcance, nunha lóxica dialéctica de avances e retrocesos.
Non obstante, construír algo diferente con pensamentos do pasado ten os seus riscos. Non todas as sumas suman se non se acerta na fórmula; aumentan as posibilidades de perder a centralidade do taboleiro político; e existe unha tendencia, case imperceptible, de perder o relato fresco do cambio democrático por volver ao tradicional e limitado do eixe esquerda-dereita, que só favorece en última instancia ao PP.
Deberiamos ter claro que a unidade popular é de persoas (cidadá) e non de suma de partes (estamental); que é o relato democrático (do 15M), e non o ideoloxico -sexa esquerdismo ou nacionalismo- é o único que pode activar unha maioria social e electoral de cambio; e que unha mellor democracia e unha maior transparencia son os piares sobre os que asentar as novas dinámicas (radicalidade democrática).
Deberiamos entender qe os pobos non son de esquerda nin de dereitas, nacionalistas ou centralistas. Os pobos son homes e mulleres con necesidades reais e aspiracións para acadar unha vida mellor e unha existencia feliz. A intervención política debe facerse, nese senso, desde o campo da proposta cultural e non desde o reduto da ideoloxía.
En decembro parecía que eran as mareas o elemento central de En Marea, a pesar de que non era así. Nesta segunda volta apareceron con forza os partidos e as súas dinámicas. Agora hai que seguir construíndo a unidade popular desde a xente e desde as mareas e deconstruíndo ese AGE 2.0 que o tripartito foi impoñéndonos non últimos meses.
Aínda estamos a tempo de conquistar o goberno de Galicia para a xente.
O primeiro que hai que facer é, tal como sinalaron os alcaldes de A Coruña, Compostela e Ferrol, que o espazo cidadanista de Mareas en Común e o espazo partidario de En Marea teñen que encontrarse nunha plataforma electoral única para as eleccións autonómicas. Encontro que obviamente precisará de axustes e cesións.
O segundo é asumir o traballo realizado durante seis meses por medio milleiro de activistas das Mareas nos encontros que Mareas en Común foi realizando por todo o país, nomeadamente a proposta de primarias abertas e participativa sustentadas no principio de igualdade concurrencial entre todas as persoas.
As primarias abertas á cidadanía non son só unha ferramenta máis da nova política. Son a liña divisoria entre a esquerda corporativa a esquerda libre. Son o núcleo central da nova democracia.
As primarias son, ademais, a conexión que permitirá á esquerda construír unha hexemonía social, que logo leve a unha hexemonía electoral, ao facilitar a relación respectuosa cos movementos sociais, como expresión da sociedade autoorganizada. As primarias son tamén o instrumento para abrir a porta ás novas axendas (fronte as axendas marcadas polo sistema, e seguidas pola esquerda corporativa).
Non deberiamos esquecer que a política se compón dunha serie de tácticas encamiñadas a facer máis feliz a vida da xente, ao servizo dunha estratexia orientada a situar por riba de todo a beleza.