Acampadas en galego

Dezasete campamentos recibirán entre xullo e agosto as novas actividades da quinta edición do programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 09/07/2016 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

Un ano máis, o programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’ volve activarse para favorecer o desenvolvemento da actividade na nosa lingua no contexto dos campamentos de verán da Xunta e mais de facilitarlle formación e recursos ao monitorado para a realización de actividades que animen os rapaces e rapazas a se expresar en galego.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, na presentación de  'O galego campa!'
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, na presentación de 'O galego campa!' | Fonte: Xunta.

A edición deste ano foi presentada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, durante unha visita conxunta ao campamento boirense de Espiñeira, no que se desenvolveu unha sesión das novas dinámicas coa participación de cen mozos e mozas de entre once e doce anos.

“As actividades de ‘O galego campa!’ chegarán entre xullo e agosto aos campamentos a través de sete dinámicas diferentes coas que se acaba de enriquecer o Repositorio dixital do tempo libre en galego para seguir dinamizando a lingua na xente nova e no tempo libre”, explicou García Gómez, quen aproveitou a ocasión para animar o monitorado a empregar o galego na súa actividade profesional e á rapazada, “a iniciar e manter en galego as novas amizades que agroman durante estes días de convivencia e de lecer”, recordando tamén “que a promoción do uso do idioma entre a xente nova é un compromiso do Goberno galego, que xa traballa no deseño do primeiro Plan de dinamización da lingua galega na mocidade”.

Pola súa banda, Cecilia Vázquez recordou que “no total galego, en toda a Campaña de verán, participarán 9.046 mozos e mozas, un 6% máis que o ano anterior” e que “as actividades están dirixidas a rapazada de entre nove e trinta anos, divididas en propostas específicas para os distintos grupos de idade”.

Este programa ten un orzamento de 2,6 millóns de euros que permiten a contratación de 900 persoas entre monitorado e persoal de dirección de tempo libre. Na programación inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas, o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís, as actividades para maiores de 18 anos, campos de traballo en España e no estranxeiro e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

CAMPAMENTOS E ACTIVIDADES

17 campamentos de verán da Xunta acollerán as novas dinámicas con que se acaba de enriquecer o Repositorio dixital do tempo libre en galego, accesible de balde desde o Portal da Lingua Galega, da man da empresa O Falcón Branco. Trátase de adaptacións de propostas dos programas de mocidade e inclusión social do Consello de Europa e do centro de recursos SALTO da Comisión Europea que, por primeira vez, se poñen a disposición do monitorado nunha das linguas cooficiais de Galicia para que lle sexan máis accesibles.

A diferenza dos recursos ata agora existentes no repositorio, non se trata de actividades soltas, senón de series completas que xiran arredor dalgún aspecto da educación democrática e para os dereitos humanos que buscan favorecer a reflexión, o debate, a construción de grupo e o desenvolvemento do sentido crítico na lingua propia de Galicia. O monitorado da campaña Acción de Verán 2016 ten ocasión de elixir, entre as 7 propostas, aquela dinámica que se axusta máis a cada campamento e de implicarse na súa posta en marcha.

Os campamentos da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado incluídos na programación de actividades son: o Campamento Xuvenil Espiñeira (Boiro, A Coruña), o Albergue Municipal Quiroga (Quiroga, Lugo), o Campamento Xuvenil Furelos (Melide, A Coruña), o Campamento Xuvenil A Illa de Ons (Bueu, Pontevedra), o Campamento Xuvenil Pontemaril (Forcarei, Pontevedra; en dúas quendas), o Albergue Xuvenil Benigno Quiroga (Portomarín, Lugo), o Albergue Penedos de Xacinto (Entrimo, Ourense), o Albergue Xuvenil As Sinas (Vilanova de Arousa, Pontevedra; en dúas quendas), o Campamento Xuvenil Os Chacotes (Palas de Rei, Lugo; en dúas quendas), o Albergue Xuvenil Area (Viveiro, Lugo), o Campamento Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), o Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo, A Coruña), a Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense), o Complexo O Corgo (Muíños, Ourense) e mais o Campamento Xuvenil A Devesa (Ribadeo, Lugo).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta