López Campos de Queremos Galego: "Está moi vinculada ao BNG, defende o monolingüismo e a inmersión lingüística"

O conselleiro de Cultura defende que a competencia do galego está "máis que acreditada" e insiste en fomentar o seu uso social.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2024 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

O conselleiro de Lingua, Cultura e Xuventude, José López Campos, defendeu que a competencia lingüística en galego está "máis que acreditada" en Galicia e insistiu en que deben pór o foco en tomar medidas que "permitan fomentar o uso social".

"A diferenza dalgunhas opinións que falan de que as competencias do galego non están acreditadas, nunca máis lonxe da realidade; de feito, as competencias en galego no ámbito educativo acredítanas os propios centros, que din que os alumnos que estudan en Galicia teñen as mesmas competencias e as mesmas notas en castelán e en galego, iso si que o din os estudos que nós manexamos", reivindicou en declaracións aos medios no IES Antonio Fragua, onde este domingo se celebraron probas do Celga 4.

Cuestionado pola última enquisa do IGE, López Campos afirmou que el fala de "competencias" e considerou que "non é opinable" que as notas medias do alumnado mostran que "saen coas competencias acreditadas". "Se non, estariamos a pór en cuestión o traballo do profesorado", reprochou. Nesta liña, o conselleiro relatou que esa enquisa "non está feita aos alumnos", senón que son "autopercepcións do uso do galego por parte das familias".

"Pero o que si di é que o 95% dos nenos entre 5 e 18 anos o contacto que teñen coa lingua é nos centros educativos. Eses son os datos relevantes. Evidentemente, seguimos dicindo que hai unha cuestión, que a ninguén se lle escapa, este non é un discurso triunfalista, sabemos que hai un problema no uso social e temos que pór en marcha medidas", apuntou.

Neste sentido, lembrou o paquete de 50 medidas anunciado polo Goberno galego e avanzou que o vindeiro venres manterá unha reunión coa Real Academia Galega (RAG) para pór en marcha distintas accións e, ademais, esta mesma semana convocará ás forzas políticas a un novo encontro, ás que citará a semana seguinte.

CONCENTRACIÓN QUEREMOS GALEGO

Sobre a concentración convocada este domingo en Santiago pola plataforma Queremos Galego, López Campos subliñou que "en democracia" existen "diferentes maneiras de expresar as opinións", pero sinalou que non entrará a valorar "en ningún caso" as decisións que adopten "outras formacións políticas".

Así, insistiu en que é "moito máis" o que os une que o que os separa e destacou que manteñen "unha análise bastante parecido", mentres que reivindicou que a Xunta "seguirá aplicando máis presupostos" nesta materia e achegará "máis medidas" e "actualizará o marco normativo".

"Aí é onde todos coincidimos en que ese Plan de normalización Lingüística é a ferramenta necesaria para pór en marcha as políticas para mellorar o uso do galego", sostivo. A preguntas dos medios sobre a petición dos convocantes da concentración de modificar as políticas lingüísticas, López Campos cuestionou se o que van reclamar os manifestantes nesa protesta é o mesmo e expuxo: "Desde o momento en que o PSOE se suma a unha convocatoria feita por unha plataforma que está moi vinculada ao BNG, non sei se o PSOE defende tamén o monolingüismo e a inmersión lingüística".

"Nós desde logo que non", remarcou antes de lembrar que xa o dixeron na campaña electoral de "contraposición de dous modelos políticos" e manifestou que os modelos doutras comunidades como Cataluña ou Euskadi "non funcionan mellor" que o galego.

José López Campos, conselleiro de Cultura
José López Campos, conselleiro de Cultura | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta