Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 15/11/2024 | Actualizada ás 22:00
Para manifestar que un fillo naceu fóra da unión marital ou matrimonio, e nomeadamente para indicar que se trata dun fillo de muller solteira, en castelán, entre outras locucións, emprégase a de hijo ilegítimo.
En galego, amais da transposición literal da nomeada locución, dispomos a nivel popular dunha chea de secuencias expresivas que transmiten ese mesmo contido, como imos reflectir a seguir:
Hijo ilegítimo
Hijo natural && Hijo de ganancia
{= Fillo que nace fóra do seo do matrimonio, nomeadamente de muller solteira.}
[E MAIS]:
Fillo de palleiro # do palleiro
Fillo de tras do palleiro
Fillo de tras as silveiras
Fillo de tras da silveira
Fillo feito tras da silveira
Fillo de entre as silveiras && Fillo de por entre as silveiras && Fillo por entre as silveiras
Fillo de tras as silvas
Fillo de tras dun toxo
Fillo de tras da porta
Fillo de tras das paredes
Fillo de tras do valado # de detrás do valado
Fillo feito ó palleiro
Fillo das pallas
Fillo do canaval
Fillo de roleiro
Fillo de achego # de aconchego
Fillo de peta á porta # de peta na porta
Fillo de porta aberta
Fillo de porta fóra
Fillo da igrexa
Fillo por tras da igrexa # de tras da igrexa
Ex.: Aparte de los dos que tú conoces, también tiene una hija natural que hace muchos años que vive en Suíza.
Á parte dos dous que ti coñeces, tamén che ten unha filla de palleiro # unha filla de tras as silveiras # unha filla de tras as silvas # unha filla de tras do valado # unha filla de tras da porta # unha filla de tras das paredes # unha filla de aconchego # unha filla de peta á porta # unha filla de porta aberta # unha filla por tras da igrexa que hai ben anos que vive en Suíza.
● Tamén:
Hijo bastardo
Fillo bastardo
● Tamén:
Fillo zorro && Fillo alleo && Fillo bravo && Fillo ventureiro && Fillo do mato && Fillo do monte && Fillo de/do vedro && Fillo da arquiña && Fillo da grea && Fillo das ánimas && Fillo de a furto # de furto && Fillo de airío && Fillo de cascalleiro && Fillo de rangalleiro
● Tamén:
Fillo de a pé de toxo && Fillo de/do rego && Fillo de arrimo
● Tamén:
Fillo de moza && Fillo de nai && Fillo sen pai && Fillo de fulana && Fillo do raposo && Fillo de/do amigo && Fillo de/do cura && Fillo do mundo && Fillo do pecado && Fillo doutro && Fillo dun canzón && Fillo do vento
● E inda tamén:
Fillo de golpe lixeiro && Fillo de quen quixo && Fillo de pai listo e nai descoidada && Fillo feito de esquina && Fillo feito para non nacer
● E mais tamén:
Fillo de tal && Fillo de cabrón && Fillo de puta
● Tamén, incidindo neste caso en que a nai é unha muller solteira:
Fillo de solteira && Fillo de moza solteira
NOTAS:
1. Nun sentido máis técnico e terminolóxico –e, xa que logo, normalmente máis restritivo–, a locución castelá hijo ilegítimo pode facer unicamente referencia a aquel fillo nado fóra de matrimonio pero de proxenitores que nin no momento da concepción nin do nacemento podían, por mor dalgún impedimento, casar. Sería sinónima, neste caso, de hijo bastardo, mais non de hijo natural nin hijo de ganancia (“hijo habido de mujer soltera y padre libre, que podían casarse al tiempo de tenerlo”, segundo o DRAE).
2. Cómpre facer notar que non poucas das locucións coas que se fai referencia ós fillos de solteira están conformadas pola voz fillo/a de/do/da + lugar situado fóra da morada ou vivenda de calquera dos proxenitores (fillo de palleiro # de tras as silveiras # de tras do valado # de tras dun toxo # do monte # do canaval # de roleiro # de vedro...), que nos máis dos casos podemos interpretar que son empregadas coma dando a entender que o axuntamento sexual que deu orixe á criatura foi clandestino ou pirata [impresión esta que se ve inda máis reforzada naquelas ocorrencias en que aparecen as preposicións tras (de) ou entre seguidas de substantivo ou locución substantiva, xa que acentúan a sensación de que algo se fai ás agachadas e coa intención de se ocultar ós ollos do mundo], ou mesmo tamén, cando menos en certos casos, de aquí te collo, aquí te esfolo.
3. Con respecto á locución fillo de roleiro, rexistrada polo profesor Constantino García González no seu Glosario de voces galegas de hoxe, a voz roleiro remite á acepción que no DRAG se reflicte de “franxa de terreo sen cultivar que bordea unha leira” (ou se se prefire –e recollendo neste caso a definición que apunta o propio Constantino García na dita obra–, ó “muro de piedras y terrones que cierra una finca”).
4. Polo que atangue á secuencia fillo de airío, recolleita no Atlas Lingüístico Galego, cómpre salientar que se trata dunha locución xa rexistrada a finais do século XIX por Marcial Valladares Núñez, tal e como se reflicte no Nuevo suplemento al Diccionario Gallego-castellano publicado en 1884 por D. M. Valladares Núñez:
Airío (prantas d’) |
Plantas procedentes de semillas que, por descuido, quedaron en la tierra. Fillos d'. Hijos naturales, o fuera de matrimonio |
5. En relación con fillo da arquiña, supomos que esta última voz (arquiña) está usada no sentido de orfanato ou hospicio, tal e como se tira da información que aparece ó procurarmos este lema no Dicionario de Dicionarios.
6. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe, publicado en 1985. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Instituto da Lingua Galega (ILG): Índices do Atlas Lingüístico Galego.
- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Rei Lema, Xosé María: “Fraseoloxía da novela Costa de Solpor, de Xosé Mª Lema”. En Cadernos de Lingua, 39, 2022, páxs. 9-140.
- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):
a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.
b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.
c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Valladares Núñez, Marcial: Nuevo suplemento al Diccionario Gallego-castellano publicado en 1884 por D. M. Valladares Núñez. Edición de Mª Carme García Ares. Cadernos de Lingua, 2000. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.