Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2024 | Actualizada ás 14:45
O BNG impulsa unha "alianza" ou "rede" de "concellos comprometidos" co galego para servir como exemplo de "boas prácticas" ante a situación de "emerxencia" que vive o idioma propio de Galicia. Así o explicaron este xoves a portavoz nacional, Ana Pontón, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tras unha reunión con responsables municipais do Bloque para abordar este asunto. En rolda de prensa ao termo, a rexedora compostelá trasladou a "fonda preocupación" polo actual panorama e indicou que, no encontro, os nacionalistas compartiron "experiencias concretas" cun "bo resultado", coa vista posta en "tecer unha alianza".
Todo iso, puntualizou, "conscientes de que a responsabilidade da política lingüística está na Xunta", que é a que "de maneira clara atenta contra os dereitos do galego" e "está a provocar esta perda de galegofalantes". "Quen ten competencias, recursos e posibilidades é a Xunta", incidiu Sanmartín. Con todo, engadiu, os concellos teñen "unha responsabilidade" na dinamización lingüística en ámbitos como o económico e o deportivo, entre outros, e aí quere o Bloque pór o seu "gran de area".
"REVERSIBLE"
"Este proceso de desgalleguización é un proceso totalmente reversible se aplicamos outras vontades, o galego ten uns niveis de uso en que podemos conseguir recuperalo", avisou a primeira edil santiaguesa. Na mesma liña, a portavoz nacional do BNG mostrou o seu "compromiso" na creación desta "alianza municipal a favor do galego", para que sirva "para pór en marcha actuacións que revertan a situación tan grave que se está vivindo".
Fronte ao "ataque frontal que fixo o PP", co "decreto da vergoña" como "cabeza de lanza", Pontón urxiu unha "resposta clara e contundente". "Pero vemos como o PP non quere recoñecer que a súa política de acoso ao galego ten unha responsabilidade directa, e non nos imos a cansar de denunciar ata que punto é unha situación moi grave", incidiu. Pola súa banda, reivindicou estar a ser "moi claros sobre cales teñen que ser os mínimos", en relación a un "novo decreto para o ensino" e adopción de actuacións "xa", a partir do Plan Xeral de Normalización Lingüística "aprobado hai 20 anos". "Pode aplicarse xa. O único que necesita é que nos poñamos de acordo é que medidas hai que priorizar, os prazos e os recursos", fixo fincapé.
Xunto a isto, reclamou un "novo impulso aos medios públicos na súa función normalizadora" e evidenciou que "as políticas públicas non se fan sen recursos", de aí a emenda que exporá o BNG para os orzamentos de 2025, co obxectivo de incrementar en 30 millóns este apartado, para "a aplicación de medidas contidas no Plan Xeral de Normalización". O encontro deste xoves "non é punto final", senón que proseguirá "nos próximos meses", segundo destacou Ana Pontón, para quen é "fundamental que exista un compromiso" co galego.
O PPDEG ASEGURA QUE "NON EXISTE" UN CONFLITO CO GALEGO
Fronte a esta proposta, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defendeu que en Galicia "non existe" un conflito coa lingua "como pretenden trasladar" os grupos da oposición. Así o asegurou nunha rolda de prensa na que foi preguntada pola concentración convocada este domingo en Santiago ante a "emerxencia lingüística". Neste sentido, Prado asegurou que o seu partido non ten nada que dicir ante calquera manifestación que se faga "con cordialidade e con respecto". Con todo, lamentou "profundamente" que o BNG "pretenda" facer da lingua unha "ferramenta de confrontación" para "desgastar" á Xunta.
"Nós como partido somos os primeiros que queremos preservar a lingua, o goberno ten unha Consellería de Cultura e Lingua, é o máximo expoñente de que temos un compromiso coa lingua. O que non imos asumir é o programa electoral do BNG, no que propuña o monolingüismo e o intento de imposición dunha lingua sobre outra", incidiu. Con todo, lembrou que a Xunta "propuxo un Pacto pola lingua" e "chamou a reunirse" aos grupos políticos e entidades implicadas, á vez que defendeu a súa aposta polo "bilingüismo cordial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.