Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 10/07/2016
Porén, non pode substraerse a unha certa-e quizais non consciente-pulsión de refundar o BNG para dirixir En Marea. Ou, dito doutro xeito, de facer nacer o Partido Nacional que Galicia precisa demasiado vencellado ao obxectivo estratéxico de lle dar o relevo ao PP en tres meses e demasiado dependente dun traballo de patchwork que nun 80 ou 90% recollería antigos afiliados ao BNG no 2011, no canto de sentar os alicerces deste Partido dende a base cidadá e dende o protagonismo de novos perfís, tamén entre profesionais, líderes sociais e xente nova.
Claro é que o coñecemento, a experiencia e o capital político do conxunto dos adherentes-canda os recentemente adheridos ao Foro Galego e tantas outras persoas adheridas ás distintas Mareas locais- será fulcral para posibilitar ese relevo nas eleccións nacionais galegas do outono. E para fornecer de cadros capaces a un futuro goberno de coalición que substitúa ao do PP. Porque nin para empoderar esta alternativa nin para mantela no vindeiro cuatrienio a cidadanía vai admitir o discurso das xeneralidades e dos lugares comúns, senón que esixirá moita e boa xestión transformadora.
De calquera xeito, a construción do Partido Nacional trascende ás eleccións do outono. Mais, se a substitución de Feijóo non se acada, este proceso vai requirir dun reprantexamento xeral e, moi probábelmente, doutras orientacións, no horizonte das eleccións locais do 2019. Neste suposto-dende logo ben negativo- o obxectivo estratéxico a medio prazo non pode ficar arrombado. E a liña estratéxica adoptada por Compromiso (CXG) terá moito que dicir.
Construir o Partido Nacional requirirá de moita intelixencia, nos seus destilados de xenerosidade, paciencia, sentidiño e relegamento dos personalismos. E de se abrir ao País real, a esas ducias de milleiros de persoas que, sen ser nacionalistas, teñen a Galicia como referente.