A Xunta afonda no 40º aniversario da autonomía dos Azores os lazos coa lusofonía

A Consellería de Cultura, o Parlamento galego, a RAG e a Asamblea Lexislativa dos Azores inauguran a mostra “54 páxinas das nosas letras” para darlle cumprimento á Lei Paz-Andrade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/07/2016 | Actualizada ás 09:45

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participará a semana que vén na Rexión Autónoma dos Azores nos actos conmemorativos do 40º aniversario da autonomía do arquipélago, que se desenvolven ao longo deste ano para celebrar a toma de posesión da primeira Asemblea Lexislativa dos Azores, o 4 de setembro de 1976.

Vista dos Azores
Vista dos Azores | Fonte: atrapalo.com

Unha delegación galega, na que tamén estarán representados o Parlamento de Galicia e mais a Real Academia Galega (RAG) inaugurará, o vindeiro mércores, 20 de xullo, na sede da Cámara Lexislativa dos Azores, a exposición “54 páxinas das nosas letras”. A mostra conmemorativa, que xa percorreu da man destas tres entidades promotoras diferentes vilas e cidades de Galicia e do exterior, ten como obxectivo a posta en valor da figura e da obra dos escritores homenaxeados no Día das Letras Galegas.

Previamente, ese mesmo día, presentaranse dúas publicacións centradas na relación intelectual, no século XIX, entre as letras galegas e dúas grandes personalidades de Portugal, nadas en Ponta Delgada, nos Azores: Antero de Quental e Teófilo Braga. A primeira delas é un facsímil da edición políglota de 'Zara', un poema de Antero de Quental en 48 idiomas, entre eles o galego cunha tradución feita por Curros Enríquez; mentres que o segundo dos volumes leva por título 'Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas', do que son coautores o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e a profesora e investigadora Beatriz García Turnes.

Aproveitamento dos vínculos coa lusofonía

Este convite da Asemblea Lexislativa dos Azores prodúcese dous anos despois da aprobación, polo Parlamento de Galicia, da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía, cuxo artigo 3 sinala que “deberán ser promovidas, así mesmo, as relacións a todos os niveis cos países de lingua oficial portuguesa” e que deberá fomentarse “a particicipación das institucións en foros lusófonos de todo tipo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta