Galicia é a terceira autonomía con maior peche de camas do Estado

Só Andalucía e Madrid, que triplican a poboación galega, pechan máis camas. Desde xaneiro de 2012 xa se perderon un total de 24.559 postos de traballo na sanidade pública.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/07/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Galicia é a terceira comunidade que maior número de camas pecha este verán pola falta de persoal, despois de Andalucía e Madrid, que a triplican en número de habitantes. De feito, o país está por riba doutros lugares con moita máis poboación como Cataluña, Valencia ou Euskadi.

Protesta dos sindicatos polo peche de camas do Sergas no verán e a privatización da sanidade pública
Protesta dos sindicatos polo peche de camas do Sergas no verán e a privatización da sanidade pública | Fonte: EP

Así, a Xunta pechará 985 camas este verán das 10.603 que se pecharán en todo o Estado, o que representa case o 10% do conxunto estatal. Son os datos a 21 de xullo solicitados polos delegados da Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) que pide a autonomías, Goberno central e partidos un plan de choque urxente para reforzar os persoais da Sanidade e reverter os recortes realizados durante a  crise

O peche de camas é xeralizado en toda España pero destacan especialmente Andalucía (co  peche de 2.350 camas), Madrid (1.510), Galicia (985), Comunidade Valenciana (950) e País Vasco (900).

Desde CSIF denuncian o “deixamento xeneralizado por parte de gobernos autonómicos de todos os signos políticos” ante un servizo esencial do Estado do Benestar, tendo en conta que durante estas datas só se cobre de media o 10%  das baixas do persoal en vacacións. “Esta situación repítese ano a ano e é outro dos síntomas da deterioración que sufriu a sanidade desde o comezo da crise, como consecuencia directa dos recortes orzamentarios”, critica.

Case 25.000 postos de traballo menos

Neste sentido, lembra que desde xaneiro de 2012 xa se perderon un total de 24.559 postos de traballo, cun cambio de tendencia á baixa. Así, mentres en 2012 había 505.185 efectivos, na actualidade atopámonos con 480.626.

Por iso, este sindicato fai un chamamento ao Goberno en funcións e ao conxunto das forzas políticas a que “tomen conciencia da gravidade da situación da nosa sanidade e que inclúan nas conversacións para a investidura e na oposición medidas efectivas para mellorar a calidade da sanidade española”. “Desde xa, reclamamos a necesidade de negociar a convocatoria de emprego público para o próximo ano, tendo en conta a prema na elaboración dos próximos Orzamentos Xerais do Estado”, sinala.

Ademais, reclama acabar coa taxa de reposición (límites á substitución de, persoal que se xubila) e realizar unha análise exhaustiva dos persoais para reforzar alí onde sexa necesario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta