Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 07/08/2016
O PP na Galicia (o PP en xeral) pregoa unha e outra vez un relato no que a colaboración, a coalición entre as distintas forzas é manifestación de febleza. De feito un dos graves problemas que ten Rajoy para formar goberno é precisamente esta estrutura mental: dialogar e transixir é malo, impoñer dende o discurso único é o que mola. Velaí que as forzas todas da oposición ao PP (nas que evidentemente non entra Ciudadanos, definitivamente operante no ámbito da dereita dura e neocentralista) haberían amosar en público a súa vontade real de remuda no Goberno, a súa vontade de alternativa. Dun xeito definitivo, que lle faga ver a cadanseu electorado que o seu voto vai ser ferramenta de cambio.
Cál ha ser o mínimo común denominador do PSOE de Leiceaga, das Mareas de Villares, do BNG de Ana Pontón ou de Compromiso por Galicia de Xoán Bascuas? Un pacto por Galicia, baixo os eixos da rexeneración democrática, do crecemento e reindustrialización, da ampliación substancial do autogoberno autonómico e local e da ordenación do territorio e medio rural en clave de aproveitamento produtivo, sostibilidade ecolóxica e implementación dun novo Mapa local, que desmonte as provincias e potencie o consorcio de funcións entre os concellos.
Teñan claro as forzas do cambio, quer soberanistas , quer federalistas ou autonomistas, que os eleitores están pola seguranza de que todos os seus votos van contar na alternativa ao PP.Porque o mapa electoral de Galicia esta dividido case en dúas metades e a mobilización do electorado galeguista e progresista pasa por se representar a utilidade do seu voto para substituir ao actual goberno do PP. Nin máis nin menos.