A carne de rubia galega conquista a zona máis exclusiva de Manchester

A carne galega convértese nun dos pratos estrelas nesta cidade do Reino Unido e págase a 69 libras (uns 81 euros) na área de Spiningfields, zona financeira, de comercio de luxo e de modernos bares e restaurantes.

Por Galicia Confidencial | Manchester | 08/08/2016 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

A zona de Spiningfields ocupa 12 hectáreas no centro de Manchester, no noroeste de Inglaterra. Trátase dunha das áreas máis dinámicas desta cidade cosmopolita, zona financeira e tamén turística e de recreo para os mancunianos, cunha arquitectura moderna, grandes oficinas de compañías internacionais, as marcas de moda máis exclusivas e luxosas, e modernos restaurantes e bares que convidan aos visitantes a ocupar as súas terrazas. E todo, presidido pola espectacular Biblioteca John Rylands, unha das máis fermosas do Reino Unido, que mestura estilo neogótico e victoriano tardío. Aquí, nesta área buliciosa de Manchester, a carne rubia galega págase a 69 libras (uns 81 euros ao cambio actual) e é xa un dos pratos estrelas.

Carne de rubia galega do restaurante Iberica en Manchester
Carne de rubia galega do restaurante Iberica en Manchester | Fonte: Manchester Evening News.

A fama da rubia galega é tal, que mesmo o xornal local Manchester Evening News —referente en toda área metropolitana do Greater Manchester, que ten uns tres millóns de habitantes— lle dedicou unha reportaxe para dar conta da "carne máis vella de Manchester", cun "sabor incrible", segundo se relata no propio xornal. E é que a carne de vacún que acostuman a consumir os británicos non soe pasar de dous anos, polo que unha carne senior como a da rubia galega, que se sacrifica a partir dos oito anos, supón toda unha novidade para os padales ingleses.

Os responsables de introducir a rubia galega son os propietarios da rede de restaurantes Iberica, quen decidiron incluíla na súa carta este verán. O prato é considerado un manxar e págase caro: 69 libras, uns 81 euros ao cambio actual, cunha cantidade suficiente para satisfacer dous comensais. Porén, "o sabor fala por si mesmo" e, segundo a propia prensa británica, paga a pena a experiencia de probar este manxar. 

Restaurante Iberica en Manchester
Restaurante Iberica en Manchester | Fonte: www.ibericarestaurants.com.
Área de Spinningfields, no centro de Manchester
Área de Spinningfields, no centro de Manchester | Fonte: www.manchestergossip.com.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta