Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 14/08/2016
Por primeira vez en moito tempo, a tensión Galicia-Estado na construción da alternativa política resolveuse a prol do noso País como centro de decisión. Os principais axentes preferiron construir alternativa nacional a ser peóns de tácticas sucursalistas. E, polo de agora, gañaron.
O tempo político, marcado polo bloqueo político estatal, posibilitou unha construción en clave de país, claramente hexemonizada por axentes de orixe e sensibilidade galeguista, mais que ofrece un espazo para os galegos alleos a esta sensibilidade que, porén, acreditan no seu País como referencia. En realidade, dende as formulacións da nova política aténdese ao obxectivo común do galeguismo cívico dos últimos trinta anos: resolver con pragmatismo e inclusión os binomios autogoberno-benestar, identidade-xustiza social e nación-cidadanía.
Cara ás eleccións do 25-S, así e todo, En Marea ten que gañar a confianza dos centos de milleiros de galegos que queren a fin da austeridade, unha xestión transformadora e eficiente, unha sociedade máis xusta e un País dinámico e operante no erstado, na Europa e no mundo. Ten que proxectar un candidato ben armado de valores de civismo e profesionalidade e superar certas minoritarias tendencias a falar moito e facer pouco.
No curto prazo, Feijóo é o máis prexudicado por esta solución en clave galega.
Desmontóuselle o seu discurso das Mareas de Podemos e vai ter que confrontar con relatos de valores, cifras e feitos. Mais tamén contra PSdeG, BNG e CXG. A maioría social de galegos e galegas non adictos ao PP pode espertar.