Por Galicia Confidencial | Madrid | 31/08/2016 | Actualizada ás 12:30
Galicia e as eleccións galegas do 25 de setembro protagonizaron parte do debate de investidura de Rajoy. Primeiro foi Pablo Iglesias, quen lembrou a amizade que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tivo co narco Marcial Dorado. E logo, foi a voceira de En Marea, Alexandra Fernández, quen utilizou parte da súa quenda de intervención para criticar as políticas do PP e de Feijóo en Galicia.
Así, avanzou que Feijóo sumarase a Rajoy na súa derrota electoral. . “Señor Rajoy, hoxe sumará a derrota en diferido do 20-D que é ao mesmo tempo a derrota do PP en Galiza. Perante este pacto suicida, nós votaremos NON para impedir que continúen mercantilizando as nosas vidas e hipotecando o noso futuro”, dixo.
“Fonte ao seu medo, Galiza será unha vez máis vangarda política na unidade da esquerda transformadora. En Marea traballará para que os galegos e as galegas nos axuden a dar un xiro ao rumbo erróneo dun piloto automático que nos leva contra as rochas, engadiu.
Neste sentido, criticou as políticas de Rajoy e de Feijóo, de quen dixo que é “un alumno avantaxado no cumprimento dos dogmas cos que actúa o piloto automático desta democracia de baixa intensidade”. “É o campión do cumprimento do défice é o campión dos recortes”, engadiu e pasou a enumerar algúns dos recortes como os sanitarios que exemplificou no hospital Cunqueiro de Vigo, no terreo da loita contra o lume resaltando as pésimas condicións laborais e técnicas dos traballadores anti incendios ou ter asentado un modelo de explotación ao servizo de ENCE.
“hooliganismo patriótico español”
Alexandra Fernández criticou estas políticas que, dixo, danan á sociedade. “O único medo é que vostedes continúen gobernando e aplicando o Programa da Grande Desigualdade, de perda de dereitos, de depredación ambiental, de violencia contra as mulleres, de exilio económico e precarización de emprego”, apuntou
Ademais, denunciou o “o hooliganismo patriótico español do PP, que lle impide recoñecer a realidade plur¡nacional do estado e que impón reformas recentralizadoras”. “Para vostedes toda diversidade é unha ameaza, e todo exercicio de libre decisión un atentado contra a súa autoridade”, apuntou. Tamén acusou a Rajoy de encarnar o “desprezo ao autogoberno, polo idioma e a cultura da terra na que naceu”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.