Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 04/09/2016
Subxace en todos estes casos a sacralización do único criterio do prezo, que beneficia as ofertas das empresas máis grandes e con mellor financiamento. Grandes empresas estatais ou multinacionais, con importantes vencellos cos operadores políticos, mediáticos e financeiros madrileños, que están a expulsar ou , polo menos, a subordinar ás empresas locais (as nosas, as galegas) que son as que achegan experiencia técnica e coñecemento sectorial.
Baixo o pretexto de garantir a unidade de mercado o PP de Rajoy abusou da súa maioría absoluta para aprobar, na fin do 2013, unha lei “ad hoc” que impide ou dificulta en moi grande medida que a Xunta e os nosos concellos poidan priorizar na contratación administrativa e na regulación da actividade empresarial circunstancias ou requisitos que potencien a contratación de persoal local, que esixan requisitos ambientais ou de calidade propios de Galicia ou que tenten fomentar o tecido empresarial local.
Esta Lei de garantía da unidade de mercado (que estudou a eito a Profesora da USC Alba Nogueira, experta en Dereito Público), xunto con outras normas, como a de modernización dos gobernos locais, constitúen en realidade un mecanismo de recentralización que recurta substancialmente o autogoberno galego e local, ao tempo que fana as posibilidades dos Poderes galegos para reactivar a actividade económica e o desenvolvemento sostíbel. Potenciando aos de fóra, mancan as nosas empresas e danan o noso benestar.
Miran moi ben o que lles convén e, para iso, contan os contos que lles cómpre.