Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 19/09/2016
Porén, baten as principais forzas da oposición co relativo descoñecemento dos seus candidatos e candidatas fronte ao xeral coñecemento de Núñez Feijóo. Velaí que as posibilidades reais de alternativa pasen pola non agresión entre as forzas galeguistas e progresistas, pola mobilización da metade da sociedade galega que vota contra o PP e por uns resultados de C´s no limiar dos escanos, mais sen obtelos, pouco por debaixo do 5% en cada unha das catro circunscricións.
O pacto de non agresión entre as forzas progresistas vai indo, en liñas xerais. Porén, máis incerta é a mobilización dese 57,2% da enquisa do CIS que quere “outro ou outros partidos distintos do PP” no Goberno da Xunta, malia que semelle ser posíbel. Por outra banda, as enquisas anuncian que C´s si lle vai roubar uns milleiros de votos ao PP que non lle darán doadamente para escano.
Indubidábelmente existe unha maioría social que perdeu co PP e con Núñez Feijóo estes sete anos e medio. Que perdeu cos graves recurtes en sanidade, dependencia e educación, coa suba do desemprego do 12% ao 17,7% e coa redución das rendas salariais. Que viu emigrar milleiros de rapaces e rapazas ben estudados. Que sofriu unha política desleixada, cando non agresiva a respecto dos mexilloeiros, produtores do cerco, gandeiros e sector naval.
Velaí a necesidade dunha remuda na gobernanza deste País. Os partidos que poden darlle a alternativa ao PP (que contará de certo cos escanos de C´s no caso de quitalos) non están a prometer a lúa e os seus candidatos e candidata semellan persoas honestas e competentes. Unha coalición que substitúa o goberno de Feijoo non será o caos nin vai matar ninguén. Pola contra, pode ser o comezo para un programa de goberno a catro anos que revirta o mal camiño polo que Núñez Feijóo leva a Galicia.