Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 26/09/2016
O trunfo de Feijóo aséntase, evidentemente, no medio rural e nos sectores de idade máis avanzada. Porén, agás en Vigo (34,5%), obtivo bós níveis de voto, ben por riba do 40%, nos principais concellos urbanos de Galicia, demostrando que mantén apoio en todas as idades e franxas sociais. Feijóo papou grande parte dos votos de C´s, que agora sobardou en moi pouco o 3% (fronte á media do 7,5-8%), demostrando que as eleccións galegas son ben diferentes das estatais.
A clave desta excepcional maioría absoluta estivo na resposta política dada polas dúas forzas que competían pola segunda praza (En Marea e PSdeG, empatados con cadanseus 14 escanos). O candidato de En Marea é moi solvente, mais tivo moi pouco tempo para callar, fronte un Feijóo de universal coñecemento. Para máis, Podemos xerou en variadas ocasións tensións e desgaste no potencial electorado mareante e parte do mesmo voltou a vista a un BNG que comezou ao bordo da desaparición e rematou cun sólido grupo parlamentario de 6 deputados e case un 8,4%, cunha Ana Pontón que foi a revelación desta campaña e anuncia o consolidamento dun espazo soberanista galego e máis a inversión dunha tendencia que dende En Marea xulgábase imparábel. O BNG fixo a mellor campaña.
Peor foi o resultado do PSdeG, que baixou catro escanos (de 18 a 14) e ficou un chisco por baixo de En Marea (17,8% fronte ao 19%). Neste caso, ao relativo descoñecemento do candidato Leiceaga hai que lle engadir a guerra suxa que lle fixeron o alcalde vigués Caballero e outros referentes institucionais socialistas.
Para entendermos a dimensión da derrota da oposición, cómpre ter en conta que o bloque de dereitas PP-C´s acada un 51% dos votos, fronte a un 46,6% do centro-esquerda, mesmo sumando Compromiso e Pacma. Se temos en conta que dende o 2004 os bloques electorais divídense aproximadamente na Galicia ao 50%, podemos ver quen ficou na casa. Esa abstención progresista fixo que os 680.000 votos de Feijóo (moitos menos ca os case 790.000 do 2009) lle deran semellante maioría absoluta.
A abstención do centroesquerda definiu as eleccións galegas. E non é mérito do PP, senón responsabilidade do conxunto das forzas da oposición.