Por Xurxo Salgado | Vigo | 27/09/2016 | Actualizada ás 08:00
Primeiro Pedro Sánchez e despois Xoaquín Fernández Leiceaga e a xestora provisional que dirixe o PSdeG. A guerra xa é total e aberta dentro do socialismo e non ten visos de que que remate en breve. Horas despois dos resultados electorais en Galicia, o sector crítico a Pedro Sánchez e a Xoaquín Fernández Leiceaga non tardou en pedir responsabilidades polos malos resultados deste partido que pasou a ser a terceira forza política na Cámara galega.
Non foron poucos os dirixentes que, en declaracións públicas ou a través das redes sociais, pediron xa dimisión das xestora e consideran que o PSdeG necesita con urxencia unha nova dirección política. As críticas máis duras chegaron, sobre todo, da provincia de Pontevedra. Así, a exdeputada pontevedresa Carmen Gallego pediou que Leiceaga "asuma en primeira persoa" a derrota e "non sexa portavoz" na nova lexislatura. "Non pode ser a cara do PSdeG porque é a cara do fracaso", dixo.
Tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu este luns "explicacións" ás direccións galega e nacional do PSOE. O rexedor olívico referiuse á "importantísima caída" do PSdeG e requiriu que se faga "unha análise" que explique "a que responde isto". E é que, lembrou, cargos do partido auguraban "un resultado completamente distinto" até o punto de que o candidato, Xoaquín Fernández Leiceaga, podería "presidir a Xunta".
"Os resultados foron diametralmente contrarios ao que dicían", censurou, antes de recoñecer que "todo o mundo" no PSOE "está preocupado" polo sucedido nestes comicios, incluídos os votantes e todo o "corpo social" que hai tras o partido.
No mesmo sentido, a presidenta da Deputación de Pontevedra e tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, quixo este luns "recoñecer alto e claro" que os resultados do PSdeG "foron un fracaso", de modo que "iso ten que obrigar a que se tomen decisións de forma urxente".
Ourense e Lugo
A estas críticas sumouse o sector crítico do PSOE de Ourense. Así, a secretaria de Organización do PSOE na provincia, María Quintas, esixiu que se tomen "decisións" despois que "desde Santiago, se puenteou aos comités provinciais" encargados dos actos de campaña. Unha opinión semellante á da exsecretaria de Estado Laura Seara que dixo que a xestora debe asumir a súa responsabilidade nuns resultados "nefastos" e "deixar paso".
Desde Lugo, o exsecretario provincial Juan Carlos González Santín reclamou "xa" a constitución de "unha dirección política" no PSdeG. E, sen querer dicir a Leiceaga "que ten que facer", si defendeu que "hai que cambiar todo" para frear "o afastamento da sociedade" por parte da súa formación. "Se non se frea, irá a peor", advertiu.
Pola súa banda, o alcalde de Pedrafita (Lugo), José Luís Raposo, tamén criticou que o seu partido tentou "enganar á sociedade dicindo" que se renovaba, cando o que pasou, ao seu xuízo, é que no partido están "os mesmos sempre" e son, ademais, "os peores".
A Coruña
Finalmente, desde A Coruña, a líder socialista na capital de provincia, Mar Barcón, utilizou tamén as redes sociais para lamentar o "momento duro" que atravesa o seu partido e alertou de que "sería inxusto" trasladar a Leiceaga "toda a responsabilidade".
Iso si, no PSOE coruñés non falta quen pida a convocatoria "xa" do congreso galego, a fin de elixir unha dirección política estable tras seis meses de interinidade; mentres outros claman por un debate "en positivo" e que derive en algo "construtivo".
Non hai dimisións
Pola súa banda, a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, declinou este luns presentar a súa dimisión ao argüír que "non ten sentido" esixir renuncias nun órgano de carácter provisional, e preferiu centrarse na "reflexión" sobre uns "malos" resultados electorais antes que caer no "decaemento" ou a "autoflaxelación".
Nunha rolda de prensa, esbozou como causas da derrota á "fragmentación política", fundamentalmente no ámbito da esquerda, o "ruído interno" en filas socialistas e o feito de contar con pouco tempo para elixir o candidato á Xunta tras a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro debido ás súas imputacións.
A este respecto, deu por feito que o lucense tería sido o cabeza de cartel e defendeu que, tras dous anos no cargo, tiña un proxecto "asentado" e "unha estabilidade política" que lle conferían "opcións reais" de gañar. "E eu non creo nas casualidades", engadiu sobre a situación xudicial do seu anterior líder.
Reponsabiliades “compartidas”
Tamén fontes do sector afín a Leiceaga suliñan que as responsabilidades dos resultados en Galicia son “compartidas” e sinalaron aos críticos como culpables do forte baixón electoral en zonas cunha gran tradición socialista.
Así, responsabilizan directamente ao sector de Pachi Vázques e o de Abel Caballero de ser os principais artífices da forte baixada que o PSdeG tivo na área de Vigo e en grandes zonas de Ourense. De feito, denuncian que “desapareceron” da campaña e “non fixeron nada, só criticar” e axudar a crear unha mala imaxe do partido.
Neste sentido lembran que se houbera maior implicación en Ourense, quizais o terceiro escano que está bailando por pouco máis de 130 votos, “fora socialista”. “E entón outro galo cantaría porque falariamos de 15 deputados e de segunda forza, pero semella que iso non interesaba. Que era mellor que Leiceaga se dera unha ostia para logo pedir responsabilidades”, suliñas dirixentes próximos ao líder do PSdeG consultados por GC.
Problemas entre baróns e militantes
“O que hai neste partido é unha grave problema entre os baróns e os militantes porque hai unha gran resistencia das élites que sempre estiveron no poder a desprenderse del e iso está xerando unha forte división interna”, apuntan.
A solución a este problema, din, pasa polo que aconteza no congreso extraordinario que pretende realizar Sánchez e que decidirá, en parte, o futuro do PSdeG. Con todo, as fontes consultadas apuntan que en Galicia, e logo do acontecido coas críticas internas, “hai moita xente moi enfadada que non vai permitir que os que queren destrozar o partido saían de rosiñas”.
Por iso, din, non é previsible que a xestora do PSdeG mova fichas –e moito menos haxa dimisións-- ata ver que pasa no PSOE e se se convoca, finalmente, ese Congreso extraordinario. “Logo se verá a forza de cada quen”, advirten.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.