Portas xiratorias e xarróns chineses

O máximo órgano do PSOE estatal entre Congresos causou a demisión de Pedro Sánchez, ao rexeitar por maioría absoluta a súa proposta para a convocatoria axiña dun Congreso Extraordinario con primarias directas para elixir o novo Secretario Xeral. Os baróns e as portas xiratorias, guiados polo xarrón chinés Felipe González, determinan, outravolta, a caída dun Secretario Xeral elixido directamente pola afiliación.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 02/10/2016

Comparte esta noticia

A necesidade de remover Pedro Sánchez había ser moi importante para que estes baróns e portas xiratorias asumisen o dano orgánico e reputacional que esta crise lle ten xerado e lle xerará aínda ao PSOE. Esa necesidade concretábase na continuidade de Mariano Rajoy como presidente do Goberno do Estado, evitando un Goberno alternativo que se enxergaba no horizonte, baseado nos alicerces do PSOE, Unidos Podemos, En Marea, Compromìs e demáis confluencias e coa aprobación tácita do PNV, ERC e os exconverxentes do PDC.

Como queira que este non nato Goberno alternativo non ía facer revolución ningunha nin tampouco recoñecer de primeiras o dereito a decidir de Catalunya e das demáis nacións do Estado, cál era o problema? O problema tiña varias facianas. A da corrupción, onde PP e PSOE andaluz partillan claros obxectivos de dilución das variadas frontes xudiciais ás que concorren. A do mantemento dunha distribución do Poder Territorial xa fracasada, afondando nunha recentralización que só beneficia á inviábel macrourbe madrileña e aos seus axentes financeiros políticos e mediáticos.  E a das grandes empresas dos sectores regulados, que querían garantir a continuidade dos marcos normativos favorábeis á concentración bancaria, á grande distribución eléctrica e aos intereses recentralizadores e privatizadores dos grandes grupos construtor-concesionais.  Grandes empresas que dominan ao 100% o ámbito comunicacional de Madrid, que exporta doutrina ao Estado todo. Velaí o triste espectáculo do xornal El País e dos informativos estatais da SER, definitivamente abducidos por esta Santa Alianza.

Velaí que este vello PSOE, moi consciente da limitada, pero substancial reforma que se achegaba, preferira salvar o peor do sistema da transiciòn antes de ofrecer unha alternativa viàbel para transformalo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.