OPINIÓN.- O negocio eólico na Galiza

 Por Fernando Blanco Parga. Ao fío do acontecido nos últimos tempos co coñecido como "Concurso Eólico", cómpre unha certa reflexión sobre a importancia que Galiza ten para o sector eólico e os intereses que se moven no seu entorno. Galiza, xunto co estreito de Xibraltar e Girona, son as zonas do Estado de mellores condicións de vento para o  funcionamento dos aeroxeradores; de feito, no Estado, a media dos parques eólicos é de 2.530 horas anuais, cando Galiza acada medias de 2.830 e mesmo chega ás 3.000 horas; eis a razón do grande interese por parte das empresas eléctricas en instalaren aeroxeradores en Galiza. Dende que no ano 1987 púxose en funcionamento o primeiro parque eólico en Galiza, situado na Estaca de Bares, con 12 aeroxeradores de 30 Qw cada un e con pas de só 5 metros, deseñados pola empresa mallorquina Gesa, filial de Endesa, pasamos a ter hoxe aeroxeradores de 3 Mw e con pas de máis de 50 metros...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 04/10/2009 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

None

Na aplicación destes dous Decretos concedeuse autorización administrativa a uns 4.200 Mw, que son explotados por empresas que nun 95% teñen a súa sede social fóra de Galiza.

Ámbolos dous decretos tiñan un curioso mecanismo de transmisión de dereitos que permitiu moitos negocios rápidos e cuantiosos, pois non existía obriga algunha de ter realizados investimentos.

Este procedemento suscitou unha demanda de información por parte da fiscalía ante supostas irregularidades. Daquela coñecemos como un promotor, usando unha rede dunhas 40 empresas, cun só traballador, conseguía autorizacións administrativas para parques eólicos e concesións de minihidráulicas. Mesmo recibiu estes dereitos co Goberno do PP xa en funcións no ano 2005.

Esta actuación da fiscalía provocou un debate no seo do Grupo Parlamentar do BNG sobre a necesidade dunha Comisión de Investigación para clarificar as responsabilidades políticas se as houber. Mais daquela -que errados estabamos!-decidimos pasar páxina e non reparar no pasado, estabamos convencidos de que a nosa obriga era gobernar mirando o presente e cara o futuro.

O actual Decreto 242/2007 foi aprobado polo Goberno BNG-PSOE, con importantes modificacións sobre os anteriores. Realizouse un concurso público de 2.325 Mw de potencia para o período 2008-2012, cun baremo público. Entre outros criterios avalíanse os investimentos en empresas e tecnoloxías, os postos de traballo permanentes xerados, a participación pública e os acordos coa propiedade dos terreos afectados.

Asemade, nese Decreto, exclúese taxativamente a implantación de novos parques na Rede Natura e tamén, para evitar a especulación anterior, só se permite a transmisión das autorizacións administrativas cando o parque eólico estea executado na súa totalidade. En definitiva: transparencia fronte a opacidade e interese público fronte ao privado.

Para o concurso eólico promovido polo BNG no anterior goberno galego presentáronse solicitudes por arredor de 30.000 Mw; seleccionáronse 25 proxectos que obteñen os megawatts do Concurso e cunha lista ordenada de agarda para suplir aos que non cumprisen os seus compromisos.

Entre os promotores dos proxectos admitidos a trámite atopamos as caixas de aforro galegas, empresas do sector conserveiro, do sector enerxético, da construción, da madeira, da distribución de alimentación, cooperativas de leite, etc.. Todo un conxunto de industrias diversas, moitas ligadas a sectores produtivos galegos e con sedes sociais no noso País.

Por cesión voluntaria dos promotores, o Goberno Galego xestionaría o 14,22% do capital dos novos parques, alén disto, a práctica totalidade dos proxectos recollía unha porcentaxe de participación sobre a facturación bruta anual de entre o 1% e o 3% para os propietarios dos  montes.

Agora a paralización deste concurso supón o freo dun investimento de 2.325 millóns de euros no período 2009-2012, se consideramos que o custe de instalación dun megavatio, de media, é dun millón de euros. Máis tamén este proceso levaba aparellado a realización de investimentos en proxectos de desenvolvemento por unha contía estimada de 1.300 millóns de euros que suporía a creación de varios milleiros de postos de traballo na nosa terra.

Tiñamos a posibilidade de pór os recursos enerxéticos do País ao noso favor: que a auga, o vento, a biomasa, etc, deixasen a súa pegada no desenvolvemento económico de Galiza.

Sorprende que o Goberno do PP (sen que ningún tribunal dixera nada -morreu Montesquieu?-) alegase como suposta tacha de ilegalidade do Concurso o feito da participación pública, cando en parques xa en funcionamento, o Inega ten entre o 3% e o 4%, como é nos Parques de Sistemas Enerxéticos Mañón Ortigueira, Sistemas Enerxéticos Chandrexa, Enerxías Especiais de Careón, Parque Eólico de San Andrés, Enerxías Ambientais das Somozas, e mesmo no Parque de Sotavento a participación do Inega é do 30,5%.

Agora xa sabemos con clareza o que pretende o PP mais, neste contexto, o PSOE ten que se clarificar sen máis demora e abandonar definitivamente a indefinición e a ambigüidade. O PSOE tivo unha visión curtopracista e cativa en todo este proceso. O seu actual portavoz de industria e alcalde das Pontes que, curiosamente, é o xerente de Iberdrola en Galiza, defende as mesmas argumentacións que sostén o PP para ir contra este Concurso.

Para rematar, e aprendendo do pasado recente, sería preciso que, no momento que o BNG volva ter capacidade de goberno, solicitase unha investigación sobre o actual proceso de acoso e derrube do Concurso Eólico, para que aqueles que están hoxe a tomar decisións en contra da nosa economía dun xeito tan irresponsábel como interesado non queden sen asumir, de ser o caso, as súas responsabilidades a todos os niveis.

Fernando Blanco Parga é ex-deputado do BNG responsable de enerxía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

9 anónimo

xa pero a acta de deputado perdeuna el mentras o outro fernando blanco (o conselheiro) brindaba con tojeiro inaugurando reganosa

8 corme

O que asina como Miguel, é coñecido na Comarca de Ferrolterra como "Chatarras", expulsado do BNG por mentireiro e insultón.

7 Miguel

Esté señor, Fernando Blanco Parga, liberado sindical persecula secolorum, foi o que presionou para que o BNG da Comarca de Ferrol apoiase a planta de gas de reganosa. Impulso o nomeamento como fillo predileto das Pontes a Tojeiro, dono dos Gadis e dunha importante participación especulativa en REGANOSA. E agopra nos ven con estas lerias. Que xustiza poetica encerrará o feito de que foi el que perdeu a acta de deputado e con ela o goberno da xunta?

6 anónimo

Pero Rosa Díez non é do Psoe, precisamente polas discrepancias nese e outros temas.

5 Pardo de Cela

O psoe é desleal cando cogoberna con outras formacións. Ver o caso de Rosa Díaz que pasou de conselleira de turismo do goberno vasco a ultraradical enimiga do pnv cando xa non cogobernaban.