Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2016 | Actualizada ás 12:41
O Consello da Cultura Galega (CCG) urxiu declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) as Covas de Eirós, Graxeira e Cabaxa, situadas no concello de Triacastela (Lugo), para que se garanta a súa axeitada protección.
Así pídeo a entidade cultural nun informe realizado a petición da Asociación autonómica Cova Crea e da Asociación autonómica e ambiental Petón do Lobo e no que recorda que estes depósitos "reúnen unha serie de valores" que "o fan único dentro da Prehistoria galega".
"É o único depósito de Galicia que alberga no seu interior gravados e pinturas de arte rupestre paleolítica cunha antigüidade en torno aos 10.000 anos", indica o Consello da Cultura, que recorda que nas escavacións realizadas foron recuperados "varios obxectos de arte moble como azagaias decoradas e colgantes".
Así mesmo, a entidade sinala que mentres non se procede á declaración formal destas covas como BIC é necesario garantir unha protección preventiva destes. "Con este fin, o CCG entende que, á vista de os previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, o ámbito de protección das covas debe ser de 200 metros", apunta.
Ademais, tamén sinala que, tendo en conta a "singular relación das covas co seu ámbito, é necesario poñer en marcha as actuacións para a elaboración dun plan de protección e delimitación do BIC que comprenda tamén as interaccións existentes coas unidades paisaxísticas e o trazado do Camiño de Santiago".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.