Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/10/2016 | Actualizada ás 12:35
O Grupo Puentes consolidase no sector santiario. A constructora do novo hospital de Vigo xa ten o encargo de construir outro novo centro hospitalario en Ecuador nun contrato que supera os 225 millóns de dólares. A empresa galega resultou adxudicataria da construción do novo hospital de Quito, coa participación contractual da compañía pública chinesa Railway First Group e en consorcio coa ecuatoriana Semaica.
Segundo explica o grupo empresarial, esta nova adxudicación "supón a súa consolidación" no sector hospitalario, tras a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo, así como o Hospital de Los Ceibos, en Guayaquil (Ecuador), actualmente en obras.
A empresa destaca que os traballos do xa en construción hospital de Ecuador estanse executando "con grande rapidez grazas á aplicación de técnicas de enxeñaría de pontes e traballando 24 horas ao día durante toda a semana". Neste sentido, subliña que, a pesar de iniciar os traballos hai dez meses, o complexo estará finalizado no primeiro cuatrimestre do próximo ano.
O novo centro agora adxudicado é o Hospital Quito Sur, que promove o Instituto Ecuatoriano de Seguridade Social (IESS), entidade coa que xa está asinado o correspondente contrato.
CUSTO E PRAZO EXECUCIÓN
O prazo de execución é de 13 meses, cun presuposto de 226.632.000 dólares, que inclúe a construción, o equipamento e a posta en marcha "chave en man" de todos os equipos, tanto hospitalarios como non hospitalarios. Ademais, Grupo Puentes realizará as tarefas de mantemento do equipamento médico durante cinco anos.
O centro hospitalario IESS Quito Sur contará cunha dotación inicial de 420 camas, 67 locais e gabinetes de consulta, área cirúrxica con oito quirófanos, centro obstétrico con dous quirófanos, unidade de endoscopias, 40 postos de diálise, equipamento de diagnóstico por técnicas de imaxe de alta tecnoloxía, UCI, NUCI, emerxencias, hospital de día, laboratorio clínico, laboratorio de anatomía patolóxica e morgue. Disporá tamén de todos os servizos non hospitalarios propios dun centro de referencia.
Presidido polo enxeñeiro José Manuel Otero Alonso, Grupo Puentes ten a súa sede en Sigüeiro. As súas vendas alcanzarán previsiblemente uns 250 millóns de euros no presente ano, dos cales case un 80% concentraranse na área internacional.
Este novo contrato consolida o seu proxecto de expansión, que constitúe un dos principais eixes estratéxicos da compañía. Grupo Puentes acomente actualmente obras en dez países de catro continentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.