Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/10/2016 | Actualizada ás 15:21
Din os expertos que o seu peso é duns 105 quilogramos e que o seu achado é un feito insólito, só documentado hai dous anos en Xapón. Trátase dun exemplar xigante de lura, fotografado o venres 30 de setembro, flotando vivo en augas da praia de Bares.
O exemplar de femia de Architeuthis foi fotografado por un visitante de León que paseaba pola praia de Bares, na Coruña. O feito é insólito porque é a segunda vez que se consegue documentar en imaxes a presenza dun exemplar desta especie aínda vivo e por recollerse a súa particular reacción cando, ao verse observado polo fotógrafo, muda de cor a un vermello intenso.
O exemplar atópase agora nas instalacións do Parque de la Vida, en Luarca, tras ser recollido pola Coordinadora para o Estudo e a Protección das Especies Mariñas (CEPESMA). O animal, que se cre que resultou gravemente ferido por un ataque dun animal similar que finalmente lle custou a vida, foi trasladado a Asturias para ser sometido a unha necropsia.
Javier Ondicol, o autor das fotografías e do aviso, converteuse así na primeira persoa que capta instantáneas dunha lura xigante viva, con excepción das imaxes obtidas en Xapón.
Os expertos agardan que o seu estudo depare varias sorpresas de interese científico, grazas a que foi recollido en bo estado de conservación. Dende o propio Parque de la Vida, os seus responsables aseguran que estas imaxes "van dar a volta ao mundo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.