E foilles así. Non pasou máis nada. Correa e Bàrcenas. Bárcenas e Correa. E máis ninguén.
Correa ten dereito constitucional a mentir e, sobre todo, a agachar a verdade que lle prexudique. Mais calquera persoa cun mínimo de formación xurídica ou experiencia institucional sabe que para que esa maquinaria funcione cómpre moita peza do Noso Señor. Nomeadamente altos cargos políticos que decidan e planifiquen, mais tamèn funcionarios que tramiten e emitan informes e propostas de adxudicación. Velaí que o relato de Correa poña baixo sospeita xeral a a xestión toda na contratación pública dos Gobernos do aznarato (1996-2004), por certo todos partillados por Mariano Rajoy como ministro. Non por acaso o caso Gurthel é o caso PP, coma o caso ERES é o caso PSOE-A.
Enténdese agora a implacábel estratexia obstrucionista seguida polo PP de Rajoy contra esta investigación (e as demáis separadas do tronco xeral da Gurthel). Apunten: o PP recusou a todos os xuices instrutores: Grazón, Ruz e De la Mata. Tamén criticou ácedamente por parcialidade ao maxistrado De la Prada que está axuizando este caso e máis á xuiza Freire, instrutora da causa por encubrimento e danos informáticos (lembrarán que alguén na sede xenovesa borrou os arqwuivos dos ordenadores que usaba Bárcenas). Mesmo veñen de pedir a nulidade da investigación deste xuizo.
Coincide no tempo esta estratexia de dilución da corrupción do PP, de lle tirar a importancia a unha podremia que acada ao PP como organización, cos esforzos de Susana Díaz, líder do PSOE de Andalucia, para diluir a corrupción do caso ERES, coa finalidade de salvar aos xenerais Chaves e Griñán.
Semella que diluir a corrupción é parte esencial do pacto de investidura implícito que PP e PSOE van acordar moi axiña.