Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 25/10/2016 | Actualizada ás 14:05
Unha das dúas grandes plataformas galegas en defensa do ensino público apoia a folga de mañá. Trátase da Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, que está integrada por CONFAPA-GALICIA, FE-CCOO de Galicia, FeSP-UGT, ESCOLA VIVA e IESGA; máis o sindicato STEG. A folga está convocada a nivel estatal por diferentes colectivos de alumnos e de pais e nais.
Esta plataforma organizou actos de protesta en Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela ás 12.00 horas; e en Ourense, Pontevedra, A Coruña e Lugo, ás 19:30 horas. O obxectivo é a anulación do Decreto que se regulan as reválidas.
Por outro lado está a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que tamén reclama a fin das reválidas, pero non secunda a folga do mércores. Esta Plataforma convoca concentracións nun horario diferente as do outro colectivo: ás 18:30 en Pontevedra; ás 19 horas en Santiago, Vigo, Lugo, A Coruña e Ourense e ás 20 horas en Carballo e Cee.
A segunda das plataformas está integrada por AS-PG, CIG-Ensino, Erguer. Estudantes da Galiza, Federación Provincial de ANPA de Lugo , Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, Federación de ANPA de Ferrolterra, Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e Federación de ANPA de Ponteareas.
O sector do ensino maniféstaseasí outra vez dividido, como sucede dende que empezou a crise e os recortes. A nivel de centrais de traballadores, por un lado van os sindicatos de ámbito estatal máis o galego STEG, e polo outro lado -máis nacionalista- a CIG, que é o sindicato con maior representación no ensino público de Galicia.
A nivel político, os partidos -salvo lóxicamente o PPdeG- aproveitarán a xornada de mañá para sumarse a reclamación da fin das reválidas. Por exemplo, as deputadas de En Marea Luca Chao e Ánxeles Cuña manterán unha xuntanza coa Confederación de ANPAs de Galicia no Parlamento tratar diferentes aspectos relativos á derrogación da LOMCE e o apoio de En Marea ás concentracións.
Pola súa banda o portavoz de Educación do Grupo do PSdeG, Luis Álvarez Martínez, prometeu hoxe que a polémica Lomce “non vai chegar a implantarse” xa que conta coa oposición en bloque de todo o Congreso agás o PP. Así o dixo nunha rolda de prensa na que respaldou as protestas convocadas polo sector educativo para mañá en toda Galicia, das que participará o Grupo Socialista para reclamar a paralización das reválidas de Secundaria e Bacharelato.
O BNG tamén se mantén activo contra as reválidas. Por exemplo, este mes en Santiago lanzou unha moción para eliminar as reválidas e derrogar a LOMCE, ademais de” instar á Xunta a defender as nosas competencias para fortalecer un ensino público, galego e de calidade que fomente a lingua propia do noso país”. Foi aprobada cos votos de BNG, Compostela Aberta e PSOE.
A Lomce podería ser un dos aspectos que Mariano Rajoy estaría disposto a negociar a cambio de asegurarse un apoio máis estábel dos socialistas ao seu novo goberno, unha vez que cristalice a abstención no inminente debate de investidura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.