Por E.P. | A CORUÑA | 27/10/2016 | Actualizada ás 17:32
O administrador de Rojadirecta, Igor Seoane, foi detido este xoves tras comparecer no Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña en relación co xuízo pola demanda que interpuxo DTS (Canle +) —adquirida por Telefónica— contra a súa empresa por unha suposta infracción de dereitos de propiedade intelectual en relación cos enlaces para eventos deportivos que se ofrecían dende a web. Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), confirmaron que o arresto se produciu por orde do Xulgado de Instrución numero 1 da Coruña e no marco dunhas dilixencias que foron declaradas secretas. As mesmas fontes precisaron que a investigación dos feitos polos que finalmente foi detido se iniciou o ano pasado. Trataríase dunha causa allea á vista celebrada este xoves, no Edificio Proa.
Seoane asegurou este xoves que os contidos que aparecían no seu sitio web eran engadidos polos usuarios e que a web só proporciona un servizo de "intermediario" para o visionado de partidos de fútbol profesional. Así o explicou no xulgado do Mercantil Número 1 da Coruña, que acolleu a celebración do xuízo pola demanda que interpuxo DTS contra Rojadirecta, que ofrecía enlaces para ver eventos deportivos, por infracción de dereitos de propiedade intelectual. O pasado 26 de novembro de 2015 o Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña decretou o peche preventivo da páxina de internet en todos os seus dominios.
O administrador único do portal de internet Rojadirecta accedeu ao Xulgado do Mercantil Número 1 da Coruña con casco de moto para ocultar a súa imaxe na vista oral, onde fora citado para un interrogatorio de parte.
Ante o tribunal, asegurou que a única fonte de ingreso provén das casas de apostas e nega en todo momento calquera tipo de "relación comercial" cos usuarios que agregan á web eses eventos e enlaces. "Non teño relación con ninguén, nin con contido nin legal nin ilegal, agás cos clientes como son as casas de apostas", asegura.
O responsable da web explicou o funcionamento do sitio, cuxo contido "é determinado" polos propios usuarios, os cales engaden os enlaces, e asegura que "é falso" que sexa Rojadirecta quen agregue o contido da web.
"Depende unicamente do usuario, determínao o usuario que agrega unha canle. Con tal de que un usuario agregue un evento, fixérao ou non o provedor, o enlace aparece aí", expuxo ante o tribunal.
SOPORTE TÉCNICO
Ao longo da súa declaración insistiu en que a información que proporciona Rojadirecta provén de usuarios, aos cales atribuíu o contido supostamente infractor. "O usuario agrega eses eventos e fusiónanse cos que agrega o provedor de datos. Son os usuarios os que agregan as canles", afirmou.
Ao fío disto, negou a súa participación na administración de eventos, subliñando que a web "se limita a manter a parte técnica" e non entra a valorar os contidos que se proporcionan no sitio. A web "non realiza labor editorial senón que presta un servizo en calidade de intermediario", alega.
Así mesmo, comentou que cando un usuario sobe contido á web hai advertencias con cláusulas legais e asegura que, como administrador, sempre cumpre cando se lle require retirar enlaces.
Por outra banda, Rojadirecta está pendente tamén do fallo do Xulgado do Mercantil número 2 de A Coruña, onde Mediapro e GolT solicitaron a cesación da web por infrinxir, presuntamente, a lei de propiedade intelectual e incorrido en competencia desleal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.