Por E.P. | VIGO | 27/10/2016 | Actualizada ás 20:25
A Universidade de Vigo (UVigo), co obxectivo de converter o Campus do Mar nun polo de atracción de doutores con experiencia así como de evitar a marcha dos seus egresados a outros centros e universidades, fichou a un total de oito doutores no marco do proxecto 'FellowSea', que presentou á convocatoria europea Marie-Curie Cofund.
Así, estes investigadores foron elixidos entre 23 aspirantes -13 de España, catro de Portugal, dous de Italia e un de Dinamarca, Islandia, Grecia e Irlanda-, e serán contratados por un período de tres anos para continuar durante este tempo coa súa formación investigadora. Para iso, a universidade conta con case un millón de euros de financiamento.
En concreto, estes doutores integraranse nos grupos de inmunoloxía, filoxenómica e nanotecnoloxía do Centro de Investigación Biomédica; os de ecoloxía costeira e oceanografía biolóxica da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla; os de arqueoloxía, antigüidade e territorio e o de investigacións agroambientais e alimentarias de Ourense; e o Instituto Español de Oceanografía da Coruña.
Os doutores seleccionados para participar neste programa son Paula Sánchez, Adolfo Fernández, Sandra Martínez, Susana Magadán, Martinho Marta, Isabel Rodríguez, Ana Querejeta e Iria Fernández, que xa se incorporaron aos seus postos a excepción da última, que aínda se atopa en Estados Unidos.
O reitor da UVigo, Salustiano Mato, que este xoves deu a benvida aos investigadores e lles agradeceu que apostasen por esta convocatoria, puxo en relevo que é "inusitado que unha universidade sexa quen de pelexar contra vento e marea para captar e reter talento", e trasladou o seu desexo de que os gobernos establezan novos instrumentos para garantir a súa continuidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.