E se transformásemos os residuos agrícolas en combustibles, alimentos ou medicamentos en lugar de queimalos?

Galicia Confidencial fala con Pedro Ferreira Santos, investigador da Universidade de Vigo (UVigo) e coordinador do proxecto NewPower xunto ao profesor Gil Garrote Velasco.

Por Ángela Precedo | VIGO | 16/02/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Na Galicia rural, o de ver queimas de residuos agrícolas e forestais de cando en cando é algo habitual. Todos os galegos coñecemos ese cheiro inconfundible dos restrollos ardendo e ese fume branco que o inunda todo nun radio duns cantos metros ao seu redor. Poderiamos dicir que esta práctica xa é unha parte da nosa paisaxe. Pero, e se en lugar de queimar este material residual (tendo en conta o seu impacto perxudicial sobre o medio ambiente e a atmosfera), fósemos quen de reutilizalo dándolle unha segunda vida a través de diversos usos? Pasar así de toxos e matogueiras, de cepas e cascas sen utilidade, a compostos que poidan ser empregados como base para a fabricación de combustibles, produtos farmacéuticos, alimentos ou na xeración de enerxías renovables, entre outras cousas. Aínda que falar dalgo así soe a utopía, grazas ao proxecto Newpower atopámonos un pouquiño máis preto de que este ideal se faga realidade e de poder gozar dos beneficios da economía circular en toda a súa plenitude. Dende o Galicia Confidencial falamos con Pedro Ferreira Santos, investigador da Universidade de Vigo (UVigo) e coordinador do proxecto NewPower xunto ao profesor Gil Garrote Velasco.

Queimas agrícolas
Queimas agrícolas | Fonte: UNIUNA - Arquivo

Nas súas propias palabras, o proxecto baséase en "atopar as problemáticas e os desafíos aos que nos enfrontamos actualmente na rexión sudoeste de Europa (Portugal, España e unha parte de Francia pegada á fronteira con España) no que respecta a incendios e xestión de residuos procedentes das industrias alimentarias ou da agricultura, entre outras; e lograr dárlles unha segunda vida a eses residuos agroforestais, transformándoos noutros produtos que resulten beneficiosos para o conxunto da sociedade". Deste xeito, "conseguimos facer unha valorización dos residuos que ata o de agora, maioritariamente, eran descartados e remataban ou ben sendo queimados ou ben en vertedoiros". Así, Ferreira Santos expón as múltiples posibilidades que se abren á hora de dar unha segunda vida a estes residuos: "biocombustibles; químicos de plataforma, produtos intermedios obtidos despois das transformacións da biomasa; novos produtos de interese alimentario, como compostos antioxidantes, antimicrobianos, con propiedades terapéuticas, antiinflamatorias, anticanceríxenas...; fabricación de bioenvases para embalaxes alternativas...". Case todo o que nos imaxinemos é posible a través dos procedementos de transformación axeitados.

A SOCIEDADE NON PARA DE MEDRAR MATERIALMENTE DEIXANDO RESIDUOS NO MOMENTO DA OBTENCIÓN DAS MATERIAS PRIMAS E CANDO REMATAN A VIDA ÚTIL

Non se pode negar que a realidade actual pasa por unha sociedade que non para de medrar materialmente falando, xerando cada vez máis e máis produtos que, por unha banda, deixan tras de si residuos no momento de obtención das materias primas para fabricalos e, pola outra, convértense eles mesmos en residuos unha vez rematan a súa vida útil. Ao final, todos estes residuos ou ben se fan desaparecer a través de queimas que xeran unha importante contaminación atmosférica ou ben quedan acumulados en certos recunchos do planeta menos favorecidos que o noso nos que se tratan de ocultar a ollos da poboación. Para poñer remedio a este funcionamento insostible do sistema, o proxecto Newpower podería ter a solución. Tendo en conta, ademais, que estamos nun momento no que "a Unión Europea nos está esixindo avanzar cara a economía circular, con normativas como os obxectivos de desenvolvemento sostible, por exemplo". 

Pero, loxicamente, e dada a súa vasta extensión, non todos os países da Unión Europea se atopan no mesmo nivel de problemas nin tampouco de posibilidades. No caso concreto de Galicia, Ferreira Santos apunta ao problema, pero ao mesmo tempo a oportunidade, que supoñen para a nosa terra os residuos derivados da produción vitivinícola. "Actualmente temos seis denominacións de orixe e somos grandes produtores de viño", sinala o investigador da UVigo, que lembra que, durante o proceso de obtención do viño, xéranse moi diversos residuos, como os resultantes da poda da vide ou o coñecido como 'bagazo', resultante de espremer as uvas. "Ata o de agora, o que facían con iso os produtores era queimalo ou descartalo para a natureza, algo que ten efectos perxudiciais para o medio ambiente, como a liberación de gases de efecto invernadoiro ou a contaminación microbiolóxica dos solos, o cal, en última instancia, se verá reflexado na saúde da poboación que consume alimentos cultivados neses solos e respira aire de mala calidade", lamenta. O mesmo caso se dá no tocante aos residuos forestais, procedentes das limpezas de matogueiras e dos toxos nas leiras.

Queima de restos agrícolas
Queima de restos agrícolas | Fonte: GC - Arquivo

"ESTE PROXECTO MELLORARÁ MOITÍSIMO A CALIDADE DE VIDA DA POBOACIÓN, TANTO NO TOCANTE AO EMPREGO DE RENOVABLES, COMO A NIVEL DE SAÚDE"

E máis aló dos residuos agrarios, Ferreira Santos tamén pon o acento sobre os residuos que xera unha das industrias máis controvertidas do país: a papeleira. "Aínda que neste proxecto en concreto non imos traballar cos eucaliptos, porque xa hai moitas iniciativas adicadas ao estudo do aproveitamento desta árbore, o obxectivo co eucalipto sería o mesmo que cos demais residuos: xa que estas empresas pasteiras empregan grandes cantidades destas árbores invasoras que impiden que medren outras alo onde se asentan e consumen grandes cantidades de auga, alo menos poder empregar as follas e as cascas dos eucaliptos para obter compostos que nos sexan de interese e non desperdiciar nada". Entre eses compostos sinala a modo de exemplos o bioetanol, o ácido levulínico e outros químicos de interese, así como axentes terapéuticos e alimentarios... E é que o obxectivo final de Newpower é lograr que todos eses residuos teñan unha segunda vida, é dicir, "que non se queimen directamente, porque iso é algo que non aporta valor ningún e que, ademais, contamina, senón poder analizalos para extraer deles todo tipo de compostos".

Desta maneira, o investigador da UVigo ten claro que "este proxecto mellorará moitísimo a calidade de vida da poboación, tanto no tocante ao emprego de enerxías renovables, como a nivel de saúde". Sobre este último aspecto, Ferreira Santos lembra que "na actualidade xa estamos vendo que hai moitas persoas que teñen problemas cos antibióticos, porque por telos consumido moito, fixéronse resistentes ao seu efecto", polo que "poder extraer destes residuos agrarios compostos con propiedades antimicrobianas podería ser tamén moi útil e interesante". Así as cousas, a mensaxe xeral pasa por "intentar valorizar todo o que temos dispoñible no planeta, todos os recursos que xa empregamos e os seus residuos, que normalmente tendemos a descartar, para non ter que xerar novos recursos e poder dárlles unha segunda vida, reutilizándoos ou producindo novos produtos a partir deles".

"SE PARTE DA SOCIEDADE VE QUE PODE OBTER UN RÉDITO ECONÓMICO A TRAVÉS DA VENDA DESTES RESIDUOS, AO MELLOR PLANTÉXASE VOLVER AO RURAL"

Outro dos beneficios que, indirectamente, ten o proxecto Newpower pasa pola súa contribución á fixación de poboación no rural galego, cada vez máis abandonado, descoidado e sen xente. E é que, "se a sociedade entende que podemos empregar eses materiais que normalmente se queiman para transformalos noutras cousas, poden obter un rédito económico a través da súa venda, porque realmente o que ata agora consideran residuos sen maior utilidade, pasarían a ter valor comercial". Deste xeito, o investigador da UVigo cre que "se as persoas ven que hai posibilidades de negocio nas pequenas vilas e nas aldeas do rural galego, ao mellor plántexase o retornar da cidade ás súas orixes ou, alo menos, ver o campo como unha posibilidade de negocio que non contemplaran antes". Así mesmo, esta economía circular tamén daría lugar a traballos máis especializados, de maneira que "xente con formación académica que non vía no rural a posibilidade de crear unha nova empresa, agora si a vexa". Indirectamente, a través desta vía, lograríase a redistribución da poboación, desconxestionando as cidades, actualmente saturadas.

Como podemos imaxinar, levar a cabo un proxecto tan ambicioso coma este non é tarefa sinxela, polo que detrás do mesmo hai moitas persoas traballando en diferentes áreas. O coordinador de Newpower explica que actualmente hai 11 socios beneficiarios e outros 7 que apoian o proxecto, cada un traballando cunha parte específica do mesmo. No caso concreto da Universidade de Vigo, "estamos moi centrados na búsqueda de procesos alternativos para fraccionar a biomasa, os residuos agroforestais, para facelos logo máis accesibles de cara á súa transformación". "Realmente o proxecto é bastante ambicioso e complexo porque aborda varios temas, dende a saúde ata a alimentación, pasando polos biocombustibles e a agricultura, pero contamos con xente especializada en cada un dos ámbitos, un moi bo equipo multidisciplinar", explica Ferreira Santos. Por iso, amosa confianza en que "nos dous anos que nos quedan, ata o 2026, logremos consolidar o noso proxecto e servir de base tamén para outros proxectos que veñan despois". 

Queima de restos agrícolas
Queima de restos agrícolas | Fonte: GC - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta