Temas: LEITE FEIRACO

Os pros e os contras do gran grupo lácteo galego

As asembleas de Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas apostan por integrase nun gran grupo lácteo que agrupará a máis de 4.000 gandeiros e producirá medio millón de litros de leite.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Pode Galicia ter unha gran grupo lácteo galego que non dependa das multinacionais?. A esa pregunta responden este luns os integrantes das cooperativas galegas Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas que en sendas asembleas están apostando por integrarse nun grupo de referencia no sector lácteo.

Sinatura do convenio das 4 cooperativas leiteras galegas
Sinatura do convenio das 4 cooperativas leiteras galegas | Fonte: Campo Galego

O visto e prace dos cooperativistas é o último paso dunha unión que xa foi validada polos consellos reitores das catro cooperativas a comezos de outubro. E, aínda que algunha das catro vote polo non, o proxecto seguirá adiante sempre e cando polo menos tres cooperativas votaran a favor.

Con todo, e tras a integración nunha cooperativa de segundo grao, cada unha manterá o seu nome sen que haxa unha fusión, aínda que todas operarán a nivel autonómico, pero con miras ao Noroeste estatal, co obxectivo de estruturar o sector en Galicia e apostar pola reindustrialización.

O obxectivo desta unión é gañar volume e conseguir unha maior eficiencia coa integración de servizos e o abaratamento de custos, no marco dun mercado de leite marcado pola volatilidade de prezos.

Os pros

O proxecto está aberto á incorporación de máis cooperativas, co único requisito dun capital mínimo de dous millóns de euros. No último exercicio, a facturación agregada das catro cooperativas foi de 196 millóns de euros --todas con contas saneadas en 2015--, mentres que este proxecto nacerá con máis de 37 millóns de fondos propios --Feiraco (17 millóns), Irmandiños (11,6 millóns), Melisanto (4,7 millóns) e Xallas (4,3 millóns).

Planta de Feiraco
Planta de Feiraco | Fonte: GC

De pecharse, a nova cooperativa agrupará a 4.340 gandeiros que producen 410 millóns de litros de leite - -150 millóns destes litros procésanse nas cooperativas, que saen ao mercado co nome de Feiraco e Clesa--, co obxectivo de ocupar o 20% da produción galega. Ademais, elaborarán nas súas fábricas 240.000 toneladas de pensos e forraxes.

O número global de traballadoes estímase en 400 traballadores. Na actualidade, Feiraco conta con 1.978 socios e 208 traballadores; Os Irmandiños, 927 socios e 94 traballadores; Xallas, 781 socios e 22 traballadores; e Melisanto, 656 socios e 37 traballadores.

Apoio de sindicatos e Xunta

Esta novo proxecto leiteiro conta co visto e prace de sindicatos e Xunta. Así, o secretario en Galicia de Unións Agrarias, Roberto García, confía que as asembleas das catro cooperativas"validen" o acordo. "Iso suporía un paso adiante para rematar coas pequenas dificultades que teñen estes procesos de concentración, que deberán redundar en beneficio dos socios, como é abaratar as materias primas para os pensos que consumen a inmensa maioría das explotacións", indicou.

"E esperemos, ademais, que se consolide un proxecto, que é o que máis demandan estes gandeiros, para que se lle dea valor engadido ao leite que producen". Roberto García tamén confesou que lle "consta" que a Xunta "está implicada" neste proxecto e, así, advertiu que "responde tamén a unha iniciativa do Ministerio (de Agricultura) que vai axudar economicamente a esta concentración cooperativa".

"Calquera proxecto que presente este grupo a maiores gozará das bendicións públicas para levar adiante un proxecto de transformación e comercialización do leite que se produce nesas cooperativas", asegurou.

Precisamente, a conselleira de Medio Rural en funcións, Ángeles Vázquez, considera unha "boa noticia" esta fusión e xa felicitou as catro cooperativas. Tras coñecer a noticia, o Goberno galego destacou nun comunicado que esta decisión "coincide coa filosofía que sempre defendeu a Xunta de contar cun gran grupo que lidere o sector leiteiro en Galicia para defender os intereses de todos os elos da cadea".

Neste sentido, subliña que "é o camiño a seguir" para lograr estabilidade no sector e un abaratamento de custos". "Esta unión axudará a organizar un sector clave para Galicia e apostará pola industrialización dentro do noso territorio, unha peza tamén crucial para ser líderes no ámbito leiteiro," agrega o departamento que dirixe Anxos Vázquez.

En contra

Con todo, non todo son parabéns para a esta iniciativa. O camiño aínda parece moi lonxano pois o volume de recollida deste novo grupo aínda é pequeno, e non conta coas principais industrias do país. Diversas fontes do sector gandeiro non aliñado cos grupos implicados, din que a idea parece moi boa pero os resultados incertos: “Todo o que sexa unión é bo, de feito, só para abaratar os gastos gasoil xa é positivo, pero aspirar a converterse nun“Grupo Lácteo é unha quimera se non contan coas principiais industrias do país”, sinalan.

Ademais, apuntan que a produción conxunta será "moi baixa". Galicia produce 7 millóns de litros de leite diarios, e entre Feiraco e Melisanto non chegan ao medio millón de litros recollidos, xa que nin Irmandiños nin Xallas recollen leite e os seus gandeiros teñen liberdade para vender a quen queira. Deses 7 millóns, case 800.000 litros diarios, o dobre do que recolle este novo grupo, son os que apaña Leite Río, o máis grande de Galicia. E malia que as relacións con Jesús Lence (presidente de Río) son sempre complicadas, un verdadeiro grupo de poder tería que contar con el.

Outro dato importante é que case 1 millón de litros véndense a primeiros compradores sen industria (intermediarios que non transforman como Lácteos Deza, Tambre, Lácteos Pérez…) Ese 15% escapa do control das industrias.

Hai temor en certos sectores a que esta iniciativa remate como Alimentos Lácteos, o proxecto estrela da Xunta en 2009, con case 5 millóns de euros en axudas, e que leva anos agonizando.

Os retos

O reto da nova cooperativa será unir o sector lácteo galego nun ente común. E non será moi doado cando as dúas empresas que máis leite recollen son de fóra. A realidade é que 2 de cada 3 litros galego acaban en mans non galegas.

O caso máis claro é o da francesa Lactalis (con marcas como Puleva ou President), unha das industrias máis criticadas polos gandeiros galegos polos seus baixos prezos, que recolle 1,5 millóns de litros diarios en Galicia, e ten moito poder.

Algo semellante acontece con Celta, da portuguesa Lactogal, que recolle arredor de 1,1 millón litros diarios (todas estas son cifras non oficiais que non publican as empresas) e que emprega na súa fábrica de Pontedeume.

Outro caso é o de Nestlé. Produce todo o seu leite condensado en Pontevedra, con leite galego que merca a primeiros compradores, pero os cartos seguen indo para Suiza.

Fábrica láctea de Clesa en Caldas
Fábrica láctea de Clesa en Caldas | Fonte: clesa.net
Un camión da empresa Leite Río, que polo momento non forma parte desta iniciativa
Un camión da empresa Leite Río, que polo momento non forma parte desta iniciativa
Temas: LEITE FEIRACO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 eusi

o que fixeron os franceses hai 50 anos agora chega a este recuncho afastado do mundo...nunca mellor dito!

1 pino

Por certo nada se dí se o apoio da xunta o sector vai máis alá das boas intencións??? Ou poden contar os labregos con feitos. Porque tóolos demáis son actores do mercado que os está moendo.