Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 30/10/2016
Non hai tal. A creación de novo emprego relaciónase íntimamente co moi intensivo proceso de destrución de emprego sofrido polo Estado nos anos da Grande Depresión, que chegou acadar un 25,7% de desemprego segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) nos anos 2012 e 2013 (19% agora). Mais o novo emprego non se contrata nas condicións do destruido. Perdeuse, nomeadamente na Galicia, emprego industrial con soldos que hoxe nos semellan dignos. E xeráronse ducias de milleiros de subempregos suxeitos a condicións moi desfavorábeis: xornadas parciais (que logo se convirten, moitas veces e sen remuneración adicional en totais), retribucións baixas pola desregulación (emprego creado á marxe dos convenios ou privatización de servizos públicos) e temporalidade.
Hai expertos que calculan o subemprego no 27% do conxunto do emprego a nível estatal. Estaríamos no Estado en níveis reais de paro estimado do 24-25%, no canto do 19% que nos dí a EPA hoxendía. As novas rendas salariais non xeran, pola súa cativeza, case cotizacións para a Seguridade Social nin impostos directos. Os novos trabalalladores son pobres, na súa maioría. E unha sociedade que crea un emprego que non permite sair da pobreza é unha sociedade fracasada e con graves problemas de lexitimidade.
Esta caste de emprego non lle permite desenvolver un proxecto de vida á xente nova. Pois logo, a natalidade seguirá nos níveis actuais ou empeorará. A estrutura demográfica española (que lles dicir da galega!) anticipa un futuro con crecementos próximos a cero.
Velaí que o crecemento nominal de emprego dos últimos dous anos non fixera maís que alimentar os desequilibrios dunha economía sen correcta asignación de recursos nin xustiza na distribución.