REPORTAXE.- As privatizacións chegan ao mosteiro de Celanova

Os orzamentos para o vindeiro ano 2010 amosáronnos a política ultraliberal do Goberno popular, que deu luz verde á vaga de privatizacións nos servizos públicos básicos, como a sanidade ou o ensino. Nembargante, o concello de Celanova, rexido polo popular Antonio Mouriño, deu un paso máis alá para atreverse a acometer a privatización do patrimonio histórico-cultural máis senlleiro desta vila ourensá, o mosteiro de San Salvador, para convertelo nun hotel de luxo...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 16/11/2009 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O mosteiro benedictino, erixido a mediados do século X, foi cedido ao concello de Celanova para o seu uso público trala desamortización de Mendizábal. Desde este momento, o edificio foi destinado para albergar servizos básicos como as dependencias consistoriais, a cátedra de latinidade, o cuartel da Milicia Nacional, a cárcere do partido e a escola primaria. Dezasete décadas despois, o Goberno municipal deu un ultimato para desaloxar estas dependencias, que na actualidade ocupan o Instituto de Ensinanza Secundaria, un Centro Social, o salón de actos municipal e diversas aulas de conferencias e exposicións, e ceder a súa xestión a unha empresa hoteleira privada.

A transcendencia histórica que esta decisión política carrexa para os actuais e futuros habitantes de Celanova fai dubidar da súa lexitimidade a veciñanza e oposición. Mais aínda, cando se tenta levar a cabo sen efectuar ningún tipo de consulta pública e sen atender as opinións dos dous milleiros de veciñas e veciños que asinaron en contra do proxecto, segundo manifestaron membros da Plataforma en Defensa do Uso Público do Mosteiro de Celanova en conversas a GC.

A magnitude desta inxente operación especulativa -que comprende a construción  doutro instituto a un quilómetro da vila- xa fixo que o pasado mes de outubro o asunto chegase ao Pleno do Parlamento da man dunha interpelación do deputado e deputadas nacionalistas Alfredo Suárez Canal, María Tereixa Paz Franco e María do Carme Adán Villamarín. Na sesión parlamentaria os deputados preguntaron polas razóns que levaron ao concello a "construír un hotel de luxo no Mosteiro e trasladar o IES a un novo recinto", pois entenden que  é "un contrasentido en épocas de restrición de recursos públicos", e máis intensamente "no ensino -libros, comedores, peche de unidades-"; engadiron os membros do Grupo Parlamentario do BNG.

Explicacións do concello

Ante a incipiente mobilización veciñal e o apoio expreso ao uso público do mosteiro de intelectuais, catedráticos e escritores, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Etelvino Blanco Antón Riveiro Coello, Henrique Alvarello ou  Baldo Ramos, así como de asociacións cívicas -Anacos da Cidade-, o Goberno municipal tentou contrarrestar a situación mediante o envío a tódolos habitantes dun bando de dous folios a dúas caras no que se xustifican as razóns para construír o hotel de luxo e máis un novo instituto. Estes argumentos baséanse principalmente no "beneficio educativo" do novo centro, que paliará os "diversos problemas arquitectónicos que dificultan poder cumprir coa normativa escolar do actual instituto", e mais na necesidade do hotel de luxo "para desenvolver un proxecto turístico global en Celanova", segundo reza a batería de argumentacións asinadas polo alcalde da localidade, Antonio Mouriño.

Para o claustro de profesores do IES de Celanova os devanditos "problemas arquitectónicos" xa foron solucionados no pasado. Segundo un escrito feito público polo claustro de profesores a "administración educativa leva investido inxentes cantidades nos últimos anos: arranxo do tellado, cableado ADSL, equipamento e, sobre todo, un polideportivo -soterrado por respecto ao patrimonio- para uso dos nosos alumnos en horario lectivo, que andou preto dos ¡tres millóns de euros! e que, sorprendentemente, permanece pechado, mentres que Educación paga autobuses para trasladar ao alumnado de Educación Física ao outro pavillón da vila". Agora, que o traslado se fai inminente, profesores, pais e alumnos pregúntanse pola razón de ser do pavillón escolar. O mesmo lle ocorre a veciñanza en xeral que se pregunta se verdadeiramente o turismo de luxo será a utopía que evite a emigración masiva da xuventude celanovesa, ou se polo contrario a privatización do núcleo identitario do pobo, a carón do cal xermolou e se desenvolveu a vila de Celanova, profundizará a distopía do seu exterminio como grupo social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

5 Anónimo

Especuladores fóra da nosa vila!

4 xan_g

Coñecendo outras situacións similares (San Clodio, San Estebo...)sábese que nas condicións actuais non existe demanda potencial, máis ca dunha forma puntual ou minoritaria para este "despropósito". As empresas adxudicatarias, salvo en momentos nos que alcanzan unha ocupación alta, van decir que están completos aunque as súas habitacións estean valeiras; o argumento é que abrir unha habitación de maneira puntual suporá que teñen que soportar unhos gastos que non estarán dispostos a soportar. Sr. Mouriño onde está ese "Plan de Dinaminación" que fai tan importante empezar a casa polo tellado?

3 xan vega

Mouriño no more!!!

2 anónimo

acabaran con nos, a luita non fixo mais ca escomenzar

1 turista

Espero que a suit real estea situada na celda na que Celso Emilio Ferreiro escribiu "Longa noite de pedra", eso daríalle máis caché.