Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 06/11/2016
O voto polo brexit foi nomeadamente alto nas cidades e áreas onde existe menos mobilidade social e onde a industria sofriu as peores labazadas das crises. Velaí que nese medo ao inmigrante converxan dereitas e esquerdas. Sectores tradicionalmente tories con antigos votantes do Labour Party.Uns priorizan a soberanía británica e outros porlle chatas á libre circulación de traballadores, porque sinten que son eles, os traballadores industriais e parados de longa duración os que máis perden, os que máis perderon coa apertura aos traballadores europeos. O exemplo do fontaneiro polaco (polish plumber), que traballa máis por menos é paradigmàtico.
O que está a pasar nos USA, cun exótico e radical Donald Trump en tècnico empate coa Hillary Clinton, é algo bastante semellante. Non só apoian ao de New York os brancos conservadores. Tamèn unha inmensa maioría dos traballadores industriais, os blue collar, tradicional celeiro dos demócratas. Estes blue collar converten o voto a Trump, canda o voto a prol do brexit, en transversal a esquerdas e dereitas, a traballadores e clases medias.
Falta un discurso nas opcións de centro-esquerda a respecto destes sectores sociais que haberían votarlles. Porque a apertura á inmigración é unha esixencia ética e humanitaria, unha aposta polo futuro e unha decisiòn económicamente intelixente. Mais non son as elites, nin sequera determinados sectores de formación universitaria, os que teñen que desputar postos de traballo cada vez menos remunerados cos inmigrantes.
Velaí que a desconfianza a respecto das elites vaia medrar nos próximos anos en amplos sectores das crases medias e traballadoras. Como tamén medrarán electoralmente as solucións simplistas e os discursos autoritarios.