O Principiño

O Principiño recibe no seu palacio de Roma un grupo de congresistas vestidos para tan magna ocasión. Está como na súa casa, unicamente lle faltan as pantuflas. Ceremonioso, como lle gosta a el, fai un autopanexírico da súa traxectoria modélica ao servizo dos súbditos. Cita con agradecemento a axuda dun colega da súa cidade de Brigantia, unha xenerosa aportación que permite arranxar algúns detalliños de palacio e de paso deixar a súa pegada persoal para a Historia con maiúsculas...

Por Xurxo Ayán | Galicia | 25/11/2009

Comparte esta noticia

Antes de prender o seu habano (xa dixemos que estaba como en casa) explica aos asistentes o artesonado dunha sala monumental na que se reproduce o mapa que sancionou o Tratado de Tordesillas. O Principiño tomou a licencia de chantar nesa réplica cartográfica a Torre da súa Cidade de Brigantia. Unha veleidade comprensible para un home antiparticularista, tan universal e internacionalista... que soña cun mapamundi de Brigantia.

None

Hai pouco, revisando cómics sobre a historia do noso país, demos cunha Historia de Brigantia de comezos dos anos 1980 que remata cun par de viñetas xeniais: na primeira, o retrato do Principiño ao carón dun gráfico cos resultados electorais que lle deron a súa primeira maioría absoluta, e na segunda, os Reis de España visitando a Cidade ao carón deste Pricipiño sen Coroa. Esa é a Historia con maiúsculas, que como todo o mundo sabe, non ten nada que ver coa política, co Poder.

Este prócer da Patria (que gosta de verse a si mesmo coma o príncipe de Maquiavelo, un humanista sen complexos, con sentido de Estado) vén de reconvertirse nun erudito articulista que bota man dos autores clásicos, seguindo cegamente aquela falaz máxima ciceroniana: "a Historia é a mestra da vida". Como feliz anticuarista sabe moito da Historia de Roma, das ambicións políticas, da traizón, de mentiras e delacións, de personalidades egocéntricas e narcisistas, de adulacións e soños de grandeza. Este Principiño sen reino, con chapeu de Panamá e con acento dun neno labrego, vén de ser homenaxeado recentemente nun fastuoso acto inzado de adláteres e aduladores, xornalistas a soldo, empresarios que recollen unha conciencia crítica (a conciencia crítica do poder, disque) de autoproclamados notarios da realidade, de milhomes que o equiparan a Madariaga ou a Casares Quiroga. Nun desdes discursos que seica quedarán para a historia do país, o Principiño deu toda unha lección de humildade: "En fin, en Roma me he reencontrado con la Historia con mayúsculas, la única verdad capaz de poner en evidencia la más innoble de las perversiones históricas y políticas como es la de la mediocridad". Como diría El Fary: ¡pero que grande, pero que grande eres!. Todo un Grande de España. Como Pau Gasol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA