Os límites da política institucional

O grande Jabois ven de entrevistar ao alcalde compostelán, Martiño Noriega, quen se amosou moi dubidoso a respecto de si o cambio social pode vir pola vía institucional. Velaí un tema fulcral, que latexa sempre nos procesos de cambio e que adoita ficar á marxe das reflexións dos seus actores políticos . Dicía Anxo Quintana no 2006 “chegamos ao Goberno, non chegamos ao Poder” e esa análise non mereceu reflexións ulteriores nin na súa propia forza política. É posíbel o cambio real dende a política institucional?

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 20/11/2016

Comparte esta noticia
As Institucións viron bastante restrinxidas as súas marxes de manobra nos últimos anos. Velaí o caso dos concellos. Coas reformas á gobernanza local impostas manu militari pola maioría absoluta de Rajoy, resúltalle moi difícil a calquera goberno local remunicipalizar un servizo público ou medrar en persoal. É dicir, resúltalle moi difícil rachar o círculo vicioso da privatización dos servizos públicos e da redución salarial ao persoal que posibilita eses servizos. Os gobernos locais progresistas resultan obrigados a xestionar con moi poucos recursos e son medidos polos parámetros da eficiencia propios das forzas conservadoras e opostas ao cambio. Os gobernos progresistas son os primeiros que han xestionar a xeito, porque se non o fan van perder o apoio, en primeiro lugar, dos sectores máis afectos ao cambio. Mais non sería xusto deixar de sinalar o paradoxo de xestionar a pobreza de recursos dacordo cun marco lexislativo imposto precisamente para evitar unha gobernanza local tendente á mellora dos servizos públicos.
 
No nível autonómico son patentes tamén estas limitacións. A recente morte dunha persoa  en Reus (Catalunya) por mor dun lume causado polas velas que tiña que usar para se  iluminar logo de sofrir o curte da luz por falla de pagamento, fixo lembrar como o Tribunal Constitucional impediu a aplicación da lexislación catalá sobre pobreza enerxética. Outro brutal paradoxo que limita substancialmente o autogoberno como solución aos problemas vitais da xente.
 
Un programa de cambio non pode alicerzarse só no institucional. As súas bases sociais haberían entender as limitacións da política institucional para evitar as tan comúns decepcións cos gobernos do cambio. E os seus líderes manter sempre viva a relación coa sociedade civil para evitar ese illamento tan común nos actores políticos do cambio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.