A lei que regula o papel da TVG non favorece o fomento da participación cidadá

A profesora Mercedes Muñoz Saldaña, da Facultade de Comunicación da Universidad de Navarra, analiza as lexislacións de medios públicos audiovisuais galega, vasca e catalá, e salienta que "ningunha das tres desenvolve o apartado sobre fomento da participación cidadá como misión específica de servizo público no ámbito audiovisual rexional", contravindo a Carta de Gobernanza Multinivel en Europa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/12/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Que papel xoga a Televisión de Galicia como medio público no fomento da participación cidadá e, polo tanto, da democracia participativa? Un estudo da profesora Mercedes Muñoz Saldaña, da Facultade de Comunicación da Universidad de Navarra, sinala que este ente público mostra importantes carencias nesta materia, ao igual que as televisións públicas de Euskadi e Catalunya, pola lexislación vixente.

Sala de control da TVG
Sala de control da TVG | Fonte: CRTVG.

Nun artigo titulado 'El papel de las televisiones públicas autonómicas en el desarrollo de la gobernanza multinivel en Europa', publicado recentemente na revista Communication & Society, Muñoz Saldaña analiza a lexislación autonómica vixente nas tres autonomías históricas do Estado español referida ao papel das súas televisións públicas. A profesora plantexa como hipótese a existencia dunha conexión entre a aposta pola implantación da gobernanza multinivel en Europa e o futuro dos operadores públicos autonómicos en España. Así, "o punto de partida desta conexión reside en dous dos obxectivos sinalados pola Carta de Gobernanza Multinivel en Europa, os cales interpelan directamente ao ADN dos operadores públicos rexionais", explica. Estes son, en primeiro lugar, que "a gobernanza multinivel esixe modernizar a administración: aproveitando as solucións dixitais e innovadoras, aumentando a transparencia e a apertura, e ofrecendo servizos públicos de calidade facilmente accesibles para os cidadáns". E en segundo lugar, "implica fomentar a participación dos cidadáns e da sociedade civil no proceso decisorio, desenvolvendo en maior medida a democracia participativa e a cidadanía activa", esclarece a profesora.

Para o estudo destes tres casos, Muñoz Saldaña fixo primeiro un repaso sistematizado do concepto de gobernanza multinivel e dos seus antecedentes directos (gobernanza e boa gobernanza) no ámbito lexislativo e doctrinal para logo estudar a súa posible repercusión na misión e obxectivos das cadeas públicas autonómicas no contexto actual, tendo en conta dúas consideracións: a definición de servizo público audiovisual e a participación cidadá.

En concreto, analizou a materialización dos devanditos obxectivos na lexislación audiovisual das tres autonomías: Euskadi (Lei 5/1982, do 20 de maio, de creación do Ente Público de Radio Televisión Vasca); Catalunya (Lei 11/2007, do 11 de outubro, da Corporación Catalá de Medios Audiovisuais e Lei 22/2005, do 29 de decembro, da Comunicación Audiovisual de Cataluña); e Galicia (Lei 6/1999, do 1 de setembro, do Audiovisual de Galicia e Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios de públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia).

O CASO GALEGO

No caso de Galicia, Muñoz Saldaña salienta que "a Lei 6/1999, do 1 de setembro, do Audiovisual de Galicia, unicamente na súa Introdución, de maneira a xeneral, refire á necesidade que teñen os cidadáns de «expresarse cos medios oportunos dentro do noso espazo audiovisual e cultural»".

Tamén se refire á Lei 9/2011, de 9 novembro, dos medios públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, que "no seu Preámbulo apunta de maneira xeral ao fomento de principios como o da accesibilidade que, xunto co pluralismo e a veracidade, ten como fin «contrinuir á formación dunha opinión pública informada»".

"Con todo, o artigo 4 da devandita lei sobre 'Principios inspiradores e alcance' tampouco inclúe ningunha mencion aos obxectivos específicos sobre fomento da participación cidadá", salienta a profesora da Universidad de Navarra.

Por último, Muñoz Saldaña fai mención ao Capítulo III da devandita lei sobre 'Pluralismo Democráctico', onde "a norma fai referencia ao dereito de acceso (artigo 39) en sentido clásico: participación de grupos sociais e políticos representativos".

"Ningunha das tres lexislacións audiovisuais autonómicas analizadas desenvolve o apartado sobre fomento da participación cidadá como misión específica".

Tras analizar o caso galego, ademais do vasco e catalán, a profesora conclúe que "aínda que hai consideracións xerais sobre o tema da participación cidadá, ningunha das tres lexislacións audiovisuais autonómicas analizadas desenvolve o apartado sobre fomento da participación cidadá como misión específica de servizo público no ámbito audiovisual rexional".

Así, e malia queas achegas sobre gobernanza e gobernanza multinivel enlazan os seus obxectivos sobre participación co papel dos medios autonómicos e de proximidade, "estas non tiveron, de momento, un adecuado reflexo nas leis adoptadas", aporta a profesora.

CONTEXTO DE CRISE

O estudo de Muñoz Saldaña enmárcase nun contexto de "crise do sector audiovisual" como servizo público que "coincidiu no tempo coa crise de lexitimidade sufrida polos gobernos e institucións europeos", apunta a autora.

"Os esforzos por superar a crise política deron lugar a numerosos documentos sobre gobernanza que inciden en dúas cuestións: a necesidade de redefinir os procesos de decisión e acción democrática baixo os principios de apertura, transparencia, cooperación, inclusividade e coherencia; e por outro, a urxencia de fomentar a participación cidadá", introduce a profesora, para quen a aprobación por parte do Comité das Rexións, en abril de 2014, da Carta de Gobernanza Multinivel en Europa "representa unha oportunidade para analizar estes obxectivos e estudar a súa conexión co futuro dos entes públicos audiovisuais autonómicos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ERNESTO RODRÍGUEZ

Totalmente de acordo con este artigo: non hai maneira de facer chegar a voz da xente á RADIO GALEGA e moitísimo menos á TVG. Amordazados pola nosa canle e os nosos propios políticos!! Como se non tivesemos suficiente co control dos medios na TVE e demais canais de Madrid.