Por Galicia Confidencial | Lugo | 11/12/2016 | Actualizada ás 10:00
O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, participou xunto a ducias de veciños da Pontenova, de onde é rexedor, no Banco de Recordos Memoria Dixital Lugo. Este proxecto desenvólvese no marco do programa de “Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia” que xestiona a Fundación TIC da Deputación.
Durante este venres, os participantes relataron a profunda tradición que o concello garda cos oficios tradicionais como os anticuarios e a ebanistería, e como era vida no municipio cando este tiña tren, cine, ou as impresións cando chegaron as súas vidas inventos como a televisión e a radio, que cambiaron as costumes dos veciños da Pontenova.
"As novas tecnoloxías son unha ferramenta moi útil para mellorar a calidade de vida dos maiores nunha provincia como a nosa, cunha poboación envellecida e dispersa. De aí a importancia do traballo da TIC coa alfabetización dixital dos maiores. Dende a Deputación, ampliamos a todos os lucenses o banco de recordos para que formen parte do arquivo da nosa provincia”, suliñou Campos.
Memoria Dixital Lugo
No último trimestre de 2016 a TIC estase a desprazar por toda a provincia para impartir 15 obradoiros sobre o uso do móbil coa finalidade de gravar recordos dos lucenses participantes que formarán parte do arquivo Memoria Dixital Lugo. Este é un programa pioneiro na provincia de Lugo, especialmente dirixido aos maiores, pero aberto a todos os lucenses interesados en contar os seus testemuños.
Memoria Dixital Lugo (www.memoriadixitallugo.es) inclúe vídeos, audios, fotografías antigas e diversos documentos que axudarán a coñecer mellor a historia recente da nosa provincia, especialmente a da primeira metade do século XX.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.