Abe Rábade: “Non debería haber unha situación tan hostil para as artes... Viven tempos de manifesto maltrato”

Un dos grandes músicos galegos de Jazz de Galicia critica a situación na que se atopa a música e o sector das artes, en xeral. “O panorama en Galiza penso que é moi prometedor pola cantidade de xente nova con talento que vén pegando moi forte. Pero é moi preocupante a orfandade institucional -pública e privada- na que estamos instalados”, asegura nesta entrevista.

Por Palavracomun | A Coruña | 16/12/2016 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

Que é para ti a música?

O músico Abe Rábade
O músico Abe Rábade | Fonte: aberabade.com

Como entendes o processo de criação artística?

Como a cristalización de todo o que vai sendo vivido por min a varios niveis: o emocional, pero tamén o racional, o intuitivo e mesmo espiritual. Para min o proceso de creación debe ser sincero ou non ser. Tento conseguir o grao máis alto posible de identificación persoal coas composicións, discos ou concertos que fago. Para min, a música é un medio que non debera aceptar a mentira ou a pretensiosidade.

Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a música e outras artes (literatura, artes plásticas, teatro, etc.)?

Sempre me fascinou a relación entre as diferentes artes. Penso que esa relación é un fabuloso campo de experimentación. De feito, é moi revelador e case máxico aplicar a “cultura” dunhas artes nas outras. É dicir, concibindo a música, por exemplo, baixo os parámetros do teatro, o músico asumiría o rol dun actor que “entra” no personaxe a nivel psicolóxico e faríao explorando a emoción que hai detrás da peza que toca… entrando pola vía das emocións na actitude adecuada para estar tocando ese material concreto. Outro exemplo sería este: pensando a música baixo os parámetros da fotografía en termos de planos, dimensións e xeometrías que equilibran e contrapesan os elementos da imaxe, o músico trataría os sons baixo eses parámetros, facendo a tradución sonora desas relacións espaciais. Penso que é tremendamente suxerente esta “importación” da cultura doutras artes na música.

Por outra banda, tamén considero que na hibridación das artes hai un mundo dunha riqueza extraordinaria. Exemplos clarísimos dunha fortaleza asombrosa son a música de cine, as cancións, a danza (que rara vez é muda…). Imaxinemos un concerto no que un perfumista ambienta olfactivamente a sala en sincronización coa música. Por que non? Ou unha novela que incorpora unha banda sonora específica en cada capítulo… Creo que quedan moitas cousas interesantes por facer aínda nese terreo.

Quais são os teus referentes criativos?

Serei toda a vida admirador do grande arquitecto da música J. S. Bach (pola fondura das súas liñas melódicas, polos seus sorpresivos meandros harmónicos e polo maxistral dominio das relacións contrapuntísticas entre voces). Seguindo na esfera da música clásica adoro a Beethoven (especialmente o último Beethoven; o dos movementos longos e pacientes) porque é unha das máis claras mostras de que a emoción intelectual é posible. Tamén gozo moito analizando e escoitando os traballos de Hændel, Schubert, Ravel, Strauss, Arvo Pärt e do meu querido mestre de composición Antón García Abril. No universo jazzístico os meus referentes son moitos e variados: na dimensión especificamente compositiva en jazz adoro a Duke Ellington, Charlie Mingus, Thelonious Monk, Gil Evans, George Russell, Dave Holland, Kenny Wheeler, Terence Blanchard e Maria Schneider. No campo dos intérpretes e improvisadores son fan de Ben Webster, Charlie Parker, Miles Davis, Dexter Gordon, Cannonball Adderley, Bill Evans, Roy Haynes, McCoy Tyner, John Coltrane, Elvin Jones, Tony Williams, Herbie Hancock, Keith Jarrett, Kenny Garrett, Brad Meldhau…

Encántame a música tradicional galega (temos un dos 6/8 máis potentes do planeta). Gozo de bandas como Milladoiro e Berrogüeto; sempre adorei a música de Jimi Hendrix; a música afroamericana máis groovy (hiphop, soul, funk, R&B) de artistas como James Brown, o primeiro Michael Jackson, Prince, Lauryn Hill, Meshell N ́degeocello, Erykah Badu; o legado de flamencos como Camarón de la Isla e Paco de Lucía; adoro varias culturas rítmicas do mundo: a de Mali (as bandas do grande Salif Keita son unha boa mostra desa enerxía rítmica que sería capaz de facerlle bailar ao corpo máis desaborido do planeta), a de Cuba (desde o Son ata a música de Batás pasando polos boleros e pola maior sofisticación do Gonzalo Rubalcaba destes últimos dez anos), a de Brasil (desde o Olodum de Salvador de Baía ata dous grandes mestres dun eclecticismo de profunda base rítmica pero tamén experimental, melodica e harmonicamente moi sólido: Egberto Gismonti e Hermeto Pascual).

Que músicas/músicos reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?

Penso que historicamente sempre se produciu unha inxusta infravaloración dalgúns artistas que remataron por estar no “canon”, pero sobre todo doutros que tristemente apenas atoparon recoñecemento en vida e tampouco de xeito póstumo. Non hai que esquecer que a figura de J. S. Bach é a que é “oficialmente” hoxe grazas á Felix Mendelssohn, quen o reivindicou no romanticismo como o Xenio sen paliativos que era (pero ata entón non tiña o seu legado esa etiqueta a nivel maioritario na sociedade).

Son moitos os jazzistas que poderiamos pór de exemplo; pianistas como Fred Hersh, Bruce Barth ou o recentemente finado John Taylor deberan ter moito maior recoñecemento; saxofonistas como o coloso Jerry Bergonzi tamén. Penso que no mundo do jazz hai unha estrutura piramidal excesiva entre unha cúspide minoritaria que ten todas as posibilidades para a produción discográfica e programación no circuíto internacional de festivais e unha grande maioría de artistas que adoita telo moi difícil para defender as súas propostas (en moitísimos casos artisticamente tanto ou de máis valía que a dalgúns artistas da cúspide que se preocupan máis das sesións de fotos e da súa política de relacións públicas que do seu instrumento ou das composicións…).

 Qual achas que é a situação actual do jazz em Galiza? Como valoras a tua experiência até agora tanto aqui como numa perspectiva global?

O jazz chegou máis tarde a Galiza que a outros lugares do estado, pero inzou axiña. Nos anos 80, grazas a Clunia Jazz e ao labor de Suso Atanes e de Alberto Conde, podemos falar dos precursores do jazz no país. Sentaron as bases desta música acó. Nos 90 (en grande medida grazas a eles) unha serie de músicos puidemos estudar en centros especializados no estranxeiro e, á nosa volta, dun xeito bastante claro houbo un acelerón na implantación do estilo acó. Tamén debemos ter en conta neste balance o inestimable labor de todas as escolas e locais de jazz que desde hai décadas apostan polo jazz en Galiza.

Penso que o labor que leva feito o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra é importante. É un proxecto que teño a honra de codirixir xunto a Paco Charlín, a coordenación é de Luís Carballo. Imos xa pola edición 16 do SPJ. O proxecto naceu coa idea de espallar os nosos coñecementos en materia de Jazz a todos os alumnos interesados. Paco Charlín e mais eu acababamos de rematar os nosos estudos en Berklee e cremos que era moi necesario mellorar o nivel do jazz en Galiza. Creo que a resposta foi fantástica, tanto a nivel de alumnos que pasaron polo centro e a día de hoxe son artistas cun moi bo nome no panorama jazzístico (Xan Campos, Iago Fernández, Virxilio da Silva…) como ao nivel de creación de público e dun pequeno “colectivo social” ao que lle interesa o jazz (a raíz das moitas actividades que realiza o Seminario durante o ano en forma de concertos, concertos didácticos, hibridación de música con obradoiros literarios…). O apoio do Concello de Pontevedra ten sido decisivo no nacemento e na consolidación deste proxecto.

O panorama en Galiza penso que é moi prometedor pola cantidade de xente nova con talento que vén pegando moi forte. Pero é moi preocupante a orfandade institucional -pública e privada- na que estamos instalados, xa que asistimos a un momento de moita oferta (de excelente calidade) e pírrica demanda (case non hai circuítos autóctonos que fagan sostible unha “industria do jazz” en Galiza).

Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a música hoje?

Penso que neste momento tan complicado para o desenvolvemento de proxectos artísticos cun mínimo de dotación orzamentaria, só agroma como positivo o feito de teren os artistas e bandas que estar máis preparados que nunca para aproveitaren as pouquísimas opcións para facerse un nome nun contexto tan adverso. Penso que non debería haber unha situación tan hostil para as artes en xeral, que viven tempos de manifesto maltrato. Coido que isto é un clarísimo reflexo duns tempos frenéticos, onde a présa, o curtopracismo, a falla de paciencia e un grande afán pola superficialidade priman… Por non falar da deriva egoísta, clasista e represiva a ultranza que está tomando esta sociedade no seu conxunto e moi particularmente a oligarquía que pretende dominala xa por completo (cousa que por outro lado sempre ocorreu en mudanzas drásticas de paradigma histórico, como na que estamos).

Oxalá os tempos sexan chegados en breve, tamén para a música…

Como seria a tua Galiza Imaginária?

Penso que este recanto do mundo acumula moito xenio (o anoxado e delirante, pero tamén o máxico e cabal). Este país (cuxa propia denominación xa é debate) está profundamente marcado por esa paradoxal dobre acepción do xenio. Desexo que chegue o día no que a dimensión delirante deste país se entenda coa máxica… Que nos refregue a evolución e saia o xenio da lámpada, vaia.

Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

Acabo de editar o meu novo disco Once, xunto a Pablo Martín no contrabaixo e Bruno Pedroso na batería. Estou moi contento facendo a primeira ondada de presentacións do disco. Xa tocamos en La Rioja, Sevilla, Madrid e imos estes días para Porto. Presentarémolo en Compostela no mes de Febreiro de 2017 e agardo pechar máis datas en breve por Galiza. Está a ser moi gratificante tocar en directo este repertorio.

Teño outro proxecto entre mans co pianista clásico d ́A Estrada Javier Otero Neira, un virtuoso do instrumento. Trátase dun proxecto onde o piano jazz e o clásico tenden unha ponte para coñecerse e achegárense. É un proxecto moi suxerente e formativo para nos os dous. Estámolo gozando. O 1 de Xuño terei a honra de estrear no Auditorio de Galicia a obra Tempos Velados, un traballo en 4 movementos que escribín para Coro Mixto, Coro de Nenos, Orquestra Sinfónica (será a Real Filharmonía de Galicia) e Piano. Será dirixido por Paul Daniel e terei o pracer de tocar piano na estrea.

Entrevista realizada por Ramiro Torres no medio colaborador palavracomum.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta