En realidade Urkullu veu prantexar un pacto bilateral co Estado, na liña do pacto coa Coroa que defendían Arzallus ou Anasagasti ou do proxecto de Estatuto vasco contido no Plan Ibarretxe. O PNV quere estabilizar o sistema financeiro de cupo, que lle recoñece a plena autonomía fiscal e obter as demáis transferencias (sistema penitenciario, réxime da Seguridade Social, plena representación na Europa, seleccións deportivas que compitan coas demáis nacións) que lle dean a Euskadi a funcionalidade e fasquía dun Estado libre asociado, vencellado confederalmente ao Estado e á Unión Europea.
Velaí como a proposta de Urkullu non está tan-nin moito menos- afastada dos obxectivos do independentismo catalán e, máis aínda, constituiría unha boa solución que permita coexistir a soberanía de Catalunya, Euskadi ou Galicia coa súa participación confederal nun Estado plurinacional e na propia Unión Europea.
Porén, o problema para esta convivencia plurinacional está na mentalidade recentralizadora e mesmo extractiva das elites financeira, mediática e política españolas e o seu vencellamento a un capitalismo de amigotes e BOE incompatíbel co autogoberno integral das nacións sen Estado. Nacionalidades hoxe subordinadas ao inmobilismo dunha Constitución que evoluiu nun sentido moi restritivo pola interpretación recentralizadora do Tribunal Constitucional e dos dous peares do bipartidismo dinástico.
Este relato da plurinacionalidade española e do dereito a decidir require de aliados políticos e sociais no resto do Estado, require de cidadanía española que entenda os dereitos nacionais de Galicia ou Catalunya. Velaí a importancia da evolución de Podemos neste ámbito e, tamèn, da evolución dos propios PSC, PSdeG ou PSE, nun tempo no que parte do centroesquerda estatal comeza xa a se decatar que o relato recentralizador e unionista que lle mercaron ao PP non lles permitirá nunca achegarse á realidade plural do Estado español.