SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2016 | Actualizada ás 19:06 por EUROPA PRESS
Vodafone saíu ao paso das "graves acusacións" de R de estar detrás da caída da súa rede, que afectou de forma masiva aos seus clientes de móbil entre os días 23 e 24 de decembro, para negar este extremo.
R asegurou que "a causa da incidencia" se debeu a "un aumento desproporcionado do tráfico de SMS dirixidos a clientes de R como consecuencia dun envío masivo de mensaxes do operador Vodafone".
Tras as "análises técnicas realizadas", Vodafone España di "ter a firme convicción de que nada ten que ver con esta incidencia", pois o seu envío de SMS cursados dende a rede de Vodafone á rede de R "non é significativo", polo que ve a acusación de "inxustificada e irresponsable".
Por todo iso, Vodafone España insta a través dun comunicado a compañía de telefonía R a "reconsiderar a súa acusación e a retirala de forma inmediata".
Precisamente, este luns na súa conta oficial de Twitter Vodafone España insiste en que "as campañas entre operadoras son normais, non existindo nada extraordinario nesta". "O noso envío non causou a caída de rede de R e lamentamos que nos usen como xustificación", sentenza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.