Por Galicia Confidencial | Lugo | 25/04/2025 | Actualizada ás 15:00
A cidade de Lugo continúa a súa transformación urbana cara un modelo máis sostible, accesible e orientado ás persoas, grazas ao impulso decidido da Deputación de Lugo, que vén de poñer en marcha unha nova fase das obras na Avenida Infanta Elena, a principal vía de entrada e saída da cidade pola súa zona norte. Esta nova actuación suporá un investimento de 1,3 millóns de euros, que permitirá completar os últimos 456 metros da avenida, entre a Glorieta de Garaballa e a de Benigno Rivera.
Con este novo tramo, a Deputación culmina un ambicioso proxecto no que leva investidos 2,445 millóns de euros, e que abrangue a renovación integral dos 2,7 quilómetros de lonxitude da avenida, converténdoa nun acceso moderno, funcional e seguro, adaptado ás necesidades da cidade actual.
“Será un acceso espectacular, o mellor que vai ter a cidade de Lugo e onde máis falta fai pola afluencia de tráfico. Unhas actuacións que eu espero que estean rematadas nos meses de outubro ou novembro”, afirmou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, durante a visita institucional que realizou acompañado do Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, coincidindo co arranque das obras.
CARRIL BICI
O novo tramo mantén o modelo xa implantado nas fases anteriores, cun deseño urbano que prioriza a seguridade e a mobilidade sostible. A intervención contempla dúas plataformas de calzada de 10,25 metros de ancho cada unha, que permitirán tres carrís de circulación por sentido, o que facilitará o tráfico fluído nunha das zonas con maior densidade de vehículos da cidade.
Ademais, incluirase un carril bici de 3 metros de ancho, beirarrúas de máis de 4 metros a ambos lados, e tamén mobiliario urbano moderno, árbores, zonas verdes e iluminación LED, favorecendo un espazo público máis amable, accesible e integrador para a cidadanía. Outro dos puntos destacados do proxecto é a renovación completa das redes de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta as necesidades actuais e futuras da contorna, que podería acoller desenvolvementos urbanísticos máis adiante.
“Esta era unha obra moi necesaria para ter unha cidade máis accesible, aberta e dinámica”, destacou o presidente provincial, incidindo na importancia desta actuación nunha área estratéxica da cidade, con gran peso comercial e industrial, pola súa proximidade a espazos como o centro comercial As Termas ou os polígonos industriais da zona.
MODERNIZACIÓN DE LUGO
Pola súa parte, o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, puxo en valor o impacto positivo que esta obra terá para a cidadanía:“Estas obras significan seguir avanzando cara ese modelo de cidade que defendemos: un Lugo aberto, onde se gañan espazos públicos para a veciñanza, e onde se prioriza a seguridade tanto dos peóns como do tráfico rodado”.
O rexedor municipal agradeceu o compromiso da Deputación de Lugo cun investimento que permitirá dar un salto cualitativo en termos de mobilidade e calidade urbana:“O remate do desdobramento de Infanta Elena será clave para a mobilidade na zona norte da cidade. Agradecemos o compromiso, a sensibilidade e o esforzo inversor da Deputación nesta actuación”.
Con este proxecto, a Deputación de Lugo reafirma o seu papel como institución clave para o desenvolvemento sostible dos concellos da provincia. A aposta por infraestruturas modernas, seguras e pensadas para as persoas é unha das liñas prioritarias de actuación do goberno provincial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.