Temas: CAUSA GALIZA

Causa Galiza anuncia que construirá un novo proxecto independentista

A organización iniciará os trámites para rexistrarse no Ministerio do Interior tras deixar sen efecto a Audiencia Nacional a "suspensión preventiva de actividade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2016 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A chamada Operación Jaro quedou, finalmente, en nada. A Audiencia Nacional deixou sen efecto a "suspensión preventiva de actividade" da organización independentista Causa Galiza pero mantén as imputacións a nove dos seus membros aos que investiga por supostos delitos de "integración en banda armada" e "enaltecimiento do terrorismo".

Rolda de prensa de integrantes de Causa Galiza
Rolda de prensa de integrantes de Causa Galiza | Fonte: EP

O auto, emitido con data do 14 de decembro, foi dado a coñecer este martes nunha rolda de prensa celebrada en Santiago na que un dos nove imputados na que se denominou 'Operación Jaro', Joam Péres, asegurou que este fallo supón "un pau importante" contra o "proceso represivo iniciado en 2015" xa que "deixa sen unha das súas bases fundamentais o sumario e o proceso iniciado coa operación da Garda Civil".

Tras esta decisión "froito da campaña permanente de denuncia das extremas medidas que o réxime español adopta contra o independentismo galego", Joam Pérez explicou que Causa Galiza prevé iniciar os trámites para inscribirse como organización política independentista no Rexistro de Organizacións Políticas do Ministerio de Interior e "reiniciar o proceso de construción dun proxecto independentista" en Galicia.

Con todo, Joam Péres lamentou que de forma "paradoxal" a Audiencia Nacional suspenda a ilegalización pero manteña o proceso aberto contra nove militantes de Causa Galiza. Cuestión pola que considerou necesario continuar coa campaña iniciada hai un ano para "esixir o arquivo da causa" na que están inmersos, unha iniciativa de apoio á que "a día de hoxe" se sumaron unhas 80 organizacións.

Con este obxectivo, avanzou que, no as próximas semanas, denunciarán ao Estado español "ante o Comité de Detencións Arbitrarias da ONU para dar a coñecer cáles son as metodoloxías represivas que o Estado español utiliza contra o independentismo galego".

Así mesmo, constituirán unha plataforma para "denunciar" a continuidade deste proceso xudicial que pode supoñer "varios anos de prisión" para as nove persoas investigadas e convocarán unha manifestación o próximo mes de abril para esixir o arquivo desta causa.

"DESMONTAR O DISCURSO DA GARDA CIVIL"

Coa recuperación do "estatus legal" de Causa Galiza, a xuízo de Joam Péres, desmóntase parcialmente o discurso lanzado pola Garda Civil e a Audiencia Nacional" segundo o cal esta organización "sería o suposto brazo político dunha organización ilegal".

Con todo, recoñeceu non saber "cal pode ser a evolución futura do proceso" aberto contra os nove militantes. "Podemos estar ante unha deconstrucción da montaxe policial por fases e, en consecuencia, a Audiencia Nacional debería asumir o arquivo da causa contra os independentistas galegos", considerou.

Ademais, criticou que o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, asumise o "discurso de criminalización" de "existencia dun brazo político dunha organización ilegal", que queda "absolutamente desmontado".

Por último, lamentou que ante unha "crise do seu modelo territorial" o Estado español "non opte polo diálogo político" e prefira "a vía represiva" que, na súa opinión, se vive tanto en Cataluña, coma en Euskadi ou Galicia, aínda que "nuns niveis diferentes".

Temas: CAUSA GALIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta